As Mareas, como se nada pasase


EU non sei que admirar máis, se a afouteza de Luís Villares non sucumbindo a evidencia e facendo un debeño a xeito de discurso como se en En Marea non pasase nada; se a teimosía de Antón Sánchez, apostando xa por unha nova unidade coas forzas estatais para as eleccións autonómicas; ou o voto de silencio do outrora locuaz Xosé Manuel Beiras, como se a desfeita non fose con el.

Pero a realidade é que a “unidade das forzas rupturistas”, a “trasversalidade”, a “nova política”, “os concellos do cambio”…, non é que xa non existan, senón que nunca existiron, na práctica. Foron só consignas demoscópicas que tiveron a virtualidade de conectar nun espazo de tempo cunha parte do electorado ao que convencen conceptos tan dignos como vacuos.

Desde un miradoiro nacionalista, toda esa operación de “unidade popular”, que foi pondo en práctica Xosé Manuel Beiras, e que xa Méndez Ferrín definira vinte anos atrás como Posición Soto, non hai xeito de enxergala mais que coma un fracaso.

Converteuse nunha “operación instrumental” para acadar cotas de poder e postos institucionais, na que o nacionalismo saíu perdendo.

As “alcaldías do cambio” e as distintas candidaturas municipais, deviron en reinos de taifas onde cada quen e os seus, gobernaron ao seu xeito e comenencia, sen coordinación nin unha aposta de futuro.

Catro anos despois, que podemos resaltar desas alcaldías ou dos grupos municipais na oposición?

O único que serviron foi para fragmentar e debilitar o tecido organizativo e asociativo nacionalista, pois tampouco fomentaron ou participaron nos movementos sociais.

Que dicir dos pactos para o Parlamento Galego, que comezaron con AGE… A súa desfeita e fragmentación xa o di todo.

Alguén pode facer o relato do seu traballo no pazo do Hórreo e mostrar unha política coherente, anovada, eficaz, que superase a de anteriores forzas nacionalistas…

E se falamos da súa política no Congreso… Nin o grupo propio que prometían, nin unha política centrada en Galiza… Un simple supeditación aos designios de Podemos, en palabras da deputada Alexandra Fernández ou do propio Luís Villares.

De toda esta “operación cambio”, as únicas grandes beneficiadas foron as forzas estatais. Nin IU primeiro, nin logo Podemos, creron nunha forza galega propia. E, mesmo, o do partido instrumental, que tiveron que aprobar cando se fundou En Marea, só foi unha aposta táctica. As hemerotecas non menten!

IU conseguiu unha presenza que non tiña. Podemos vampirizou unha parte do nacionalismo e, aos galegos, transmitíuselles a consigna de que sos non son nada.

O nacionalismo terá unha boa oportunidade nos pactos municipais para comezar a zurcir o desfeito. Antes aínda hai que cardar a la.

Xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar