A TVG emitirá en Alta Definición dende o martes

Televisión de Galicia empezará a emitir as súas dúas canles en HD o vindeiro martes, 26 de marzo. Vai ser a única televisión con máis dunha canle en España que as emite todas nesta calidade na TDT, aínda que tamén manterá as canles en SD, coma ata agora.

Desde esta fin de semana, a CRTVG informará a audiencia, a través dos seus programas, redes sociais e da web crtvg.gal, de como resintonizar os seus televisores para poder gozar da alta definición. Así, os espectadores que dispoñan de aparatos compatibles con HD recibirán un aviso no seu televisor, que detectará as novas canles. Nese momento poderase facer unha actualización da lista de canles, diferente en función da marca do televisor. Logo, xa se poderán reordenar as canles e colocar a Galega HD onde antes estaba a canle en SD.

Os traballos realizados na dixitalización da Corporación, na estabilización da plataforma e o acceso ao múltiplex fixeron que a CRTVG traballara estes últimos meses sobre a posibilidade de emitir polas dúas canles e non só por unha, como era a previsión, de forma que todos os informativos, o deporte, a cultura e o entretemento chegarán aos fogares na máxima calidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar