Día Mundial da Poesía coa Fundación Rosalía e El Corte Inglés

A Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés presentaron a sétima edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro dentro dun recital poético para celebrar o Día Mundial da Poesía que tivo lugar neste establecemento comercial en Santiago. Na actividade participaron varios poetas noveis premiados anteriormente neste certame, como María Vilas, Paula Antía Rey e Daniel Souto, galardoados na primeira edición (2013), na segunda e na última, respectivamente.

As bases do Premio, que se poden descargar da web, establecen tres niveis de participación: 1º ciclo da ESO (1º e 2º), 2º ciclo da ESO (3º e 4º) e Bacharelato. As obras han de ser orixinais e inéditas e estaren redactadas en lingua galega. A extensión máxima non excederá os 50 versos.

As persoas que desexen participar poden enviar os seus textos ata o 18 de maio e o fallo do concurso farase público o día 31 de maio. A entrega dos premios terá lugar o día 7 de xuño nun acto poético-musical na Casa-Museo, onde participarán os propios premiados e premiadas. E o 14 de xullo presentarase o libro cos poemas finalistas. 

Os premios son, por cada categoría: o primeiro galardoado/a conseguirá un iPad e haberá dous áccesit: ao primeiro corresponderalle unha tarxeta de agasallo de El Corte Inglés de 200 euros e o segundo, o mesmo por un valor de 100 euros. 

O Día Mundial da Poesía foi instaurado pola Unesco en 1999 co principal obxectivo de “apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas amenazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas”. 

É por iso que Fundación Rosalía e El Corte Inglés, promotoras deste galardón, escolleron esta xornada para presentar este premio, que na súa sétima edición, xa está consolidado na axenda literaria dos colexios de Galicia e no que participan cada ano máis de 200 alumnos e alumnas. 

No acto estiveron presentes Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e Pati Blanco, director de Comunicación e Relacións Externas de El Corte Inglés Galicia-Asturias.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar