Santiago:O Consorcio dispón de axudas para as casas da cidade histórica

O Consorcio de Santiago ten en marcha dúas convocatorias de axudas destinadas á mellora dos edificios da cidade histórica de Santiago. Trátase, por un lado, do programa “Ter é manter”, co que se busca o mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos inmobles. E, por outro lado, o dirixido de maneira específica á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas de cara a optimizar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.

Cada unha destas subvencións alcanza o importe global de 150.000 euros. O prazo para solicitar estas axudas remata, en ámbolos dous casos, o vindeiro luns, 25 de marzo.

Programa “Ter é manter”

Este programa abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles. Os edificios deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.

Programa de carpinterías

Con esta programa búscase fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados. Neste caso os inmobles deberán ter unha antigüidade superior aos 20 anos e darase preferencia aos destinados a vivenda e con ocupación ou actividade permanente.

O Consorcio ofrece asistencia técnica

Ámbalas dúas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.

 

As solicitudes e a documentación pertinente deberán presentarse no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro ata o 25 de marzo. Para consultar dúbidas, os interesados deberán acudir ás dependencias da Oficina Técnica do Consorcio, situada no número 59 da rúa do Vilar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar