O escritor Xosé A. Perozo presenta doce historias: “Rumores de Compostela”,

O Consorcio de Santiago e Auga Editora acaban de publicar “Rumores de Compostela”, unha obra do escritor Xosé A. Perozo. Presentouse na Fundación Torrente Ballester, nun  acto estarán, ademais do autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto a Antonio Seijas, ilustrador e colaborador de Auga Editora.

 

Neste libro, tomando como referencia os rumores, Perozo constrúe unha ducia de historias que el denomina “veridicamente falsas”, nalgúns casos sustentadas sobre sucesos reais, noutros empregando personaxes históricos e centradas na súa totalidade en espazos recoñecibles da cidade de Santiago. Crea así un universo narrativo coherente que anima a adentrarse nos misterios de Compostela.

 

Cada una destas historias vai acompañada doutras tantas ilustracións, realizadas por Antonio Seijas, Suso Cubeiro, Carmen Díaz, Ana Costas, Isabel Pintado, Jaime Asensi, Sonia González, Viki Berre, Fran Muñiz, María Lires, Evaristo Pereira e Anxo Fariña.

 

Compostela é unha cidade onde o rumor se agocha en calquera recuncho

 

“Os testemuños escritos sobre Santiago de Compostela son inmensos. A memoria da cidade é un patrimonio no que se mesturan á perfección a historia coas lendas, as mitoloxías, as suposicións, as teorías, os misterios… Deste xeito, a memoria documental é unha permanente fonte tanto para os historiadores como para a imaxinación” -salienta Xosé A. Perozo-.

 

O autor indica que “o rumor é un son que chega, non se detén, pasa e deixa un pouso no recordo do que nacen e florecen as historias secretas. Compostela é unha cidade onde o rumor se agocha en calquera recuncho e é fácil cruzarse, e ata entreterse, con el, en todas as esquinas a todas as horas do día ou da noite. Ser amante do rumor en Santiago é fácil, moi gratificante e ata enriquecedor”.

 

Perozo afirma que ao longo da súa “frutífera vida compostelá” tivo magníficos amigos e amigas transportadores de rumores. “Pisando as pedras sagradas desta urbe pillei rumores en todas as linguas posibles”. Sinala que moitos deles teñen chegado a ter categoría de históricos. E di que prefire o “rumor de soleira, ese que vén da tradición e constrúe a modernidade sen quebrarse”.

 

Para construír estas historias, o autor botou man da vida, fulgor, traición, morte e desaparición do bispo Prisciliano; inspirouse no atlante que coroa a fachada do Pazo de Bendaña; no romance da Corticela, protagonizado polo bispo Xelmírez e a raíña dona Urraca; na filla do prateiro, que deu a luz unha cabeza parlante, inmortalizada e esculpida na fachada románica de Praterías; ou na figura do arcebispo Raxoi, entre outras.

 

Escritor, xornalista e editor

 

O escritor Xosé A. Perozo, compostelán de adopción, naceu na localidade estremeña de Llerena en 1951. Ten publicado casi un centenar de libros para nenos, mozos e adultos que van desde a literatura infantil ata a de xénero erótico, teatro, divulgación educativa…; tanto en galego como en castelán.

Dirixiu os dez primeiros tomos da Enciclopedia Galega Universal, posiblemente a última editada en papel nesta era dixital. Tamén é xornalista e editor. Traballou en xornais, revistas, emisoras de radio, televisión e no ámbito da comunicación política durante máis de corenta anos. Na actualidade mantén as súas habituais columnas de opinión en varios diarios impresos e dixitais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar