A xornalista da TVG Alba Mancebo gaña o premio europeo de talento en pantalla

As televisións públicas rexionais europeas asociadas en Circom acaban de concederlle a unha profesional da CRTVG o prestixioso Premio Prix Circom ao Novo Talento en Pantalla (Young Talent on Screen), segundo acaba de facer público o organismo internacional. O galardón entregarase o próximo 30 de maio nunha gala que se celebrará no marco da 37 Conferencia Anual en Novi Sad, Serbia.

Para esta edición do certame, a CRTVG presentou unha selección dalgunhas das intervencións da xornalista vimiancesa Alba Mancebo diante das cámaras. Na súa curta traxectoria nos medios públicos galegos, Alba, de 26 anos, desenvolveu distintas tarefas nos espazos informativos, tanto para achegarlle á audiencia informacións de actualidade como intervir en apartados máis desenfadados do magazine ‘A Revista’ e mesmo nas redes sociais da Corporación, onde promove o uso da lingua galega cada semana cunha divertida sección denominada #instaGal.

Para a xornalista, gañar este galardón ábrelle un horizonte laboral moi atractivo, xa que o Prix Circom, ademais de outorgar un trofeo e certificado, posibilitaralle unha estadía nunha das 32 televisións membro de Circom, para aproveitar o bo facer doutra canle. “Estou moi contenta! Se non fose polas oportunidades que me están dando na CRTVG, non tería material para enviar a un certame coma este. E con moitas ganas de ir a Serbia”, sinalou ilusionada ao coñecer a resolución do premio.

Esta é a segunda vez que a CRTVG acada un Prix Circom. A serie ‘Matalobos’, na categoría de Mellor Ficción de Televisión en Europa, supuxo en 2012, en Suecia, a primeira ocasión en que os medios públicos galegos obtiveron o prestixioso Prix Circom, o maior galardón internacional que o mundo da televisión lle concedeu á TVG na historia da canle galega. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foron tamén distinguidos, a posteriori, con respectivas mencións especiais no Prix Circom.

Este ano, o Prix Circom acadou un récord de presentacións, con 255 candidatas, repartidas entre 12 categorías. Circom, presente en 30 países europeos, anunciará o premio principal, Grand Prix, que é elixido entre estes gañadores, na propia gala do día 30 de maio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar