A Policía Local de Ourense cifra entre un 75 e un 80% os obxectos perdidos que consegue devolver

A Policía Local de Ourense cifra entre un 75 e un 80% os obxectos perdidos que conseguen devolver aos seus donos. Para acadar aínda mellores resultados, o corpo policial vén de poñer en marcha este mes de marzo un novo servizo que permite consultar a través da web do Concello de Ourense os obxectos que son atopados. O obxectivo é facilitarlle información aos interesados sen que teñan a necesidade de trasladarse até as dependencias da Policía Local (rúa Victoria Kent).

As persoas que busquen se algo que perderon está en mans da Policía Local poden facelo en calquera momento na área de Seguridade Cidadá do espazo web municipal [ligazón]. Trátase dunha páxina web, que se vai actualizando constantemente, na que se ofrece un listado do material atopado cunha descrición básica que sirva como orientación, pero sen facilitar detalles.

Tamén poden achegarse ás dependencias da Policía Local, entre as 9:00 e as  14:00 horas, preferentemente, para recoñecer aqueles obxectos que puideron perder.

Para retirar os obxectos é necesaria: a presentación do DNI ou pasaporte, provistos dos xustificantes, no seu caso; e a descrición exacta do obxecto, lugar e data aproximada da perda.

A Policía Local confirma que a maioría dos achados que chegan ás súas dependencias son documentacións persoais (DNI, permisos de conducir);  carteiras; lentes ou bolsos. Pero tamén hai obxectos de todo tipo como bicicletas, teléfonos, xoias, reloxos ou pequenas cantidades de diñeiro. Entre os materiais máis inusuais atopados destacan libros escolares, cadeiras de coche para bebé, e mesmo algún computador portátil.

Pequenos furtos

A orixe da maioría dos obxectos depositados nas instalacións da Policía Local procede de pequenos furtos ou roubos, nos que os autores desbotan o que non lles interesa (documentación, bolsos, carteiras, chaves). Pero tamén os hai que son froito de descoidos e esquecementos por parte dos propietarios.

As formas de chegar á Sede Policial adoitan ser por entrega de cidadáns ou organismos, que ben atopan ou son receptores (70%); e tamén tras ser atopados por axentes de servizo (30 %).

A Policía Local recoméndalle á cidadanía que cando atope algún artigo perdido  o máis fácil é entregalo en calquera organismo oficial, próximo ao lugar do achado, no caso de que non llo fagan chegar a calquera corpo policial.

Desde a Policía Local lémbrase que no caso de que sexa un obxecto de valor as persoas que realicen a entrega teñen dereito a quedarse o atopado se non se localiza ao seu lexítimo propietario ou propietaria. Así,  se o obxecto non foi reclamado e despois de dous anos de depósito, notifícase a quen o atopou que poderá retiralo no prazo de 30 días. Tamén se teñen dado casos de recompensas ou gratificacións por parte dos donos.

As termas e o centro, lugares máis habituais para a perda de obxectos

Os lugares máis habituais de perda de obxectos son a zona das termas e o centro histórico. Na primeira contorna o máis frecuente é a perda de lentes, reloxos, cadeas e mesmo dalgunha cámara de fotos. Na zona histórica os achados máis habituais son carteiras e documentacións.

A Policía Local resalta que moitos dos obxectos que chegan até as súas instalacións lles son entregados pola empresa de autobuses urbanos. Na súa maioría son carteiras, móbiles, paraugas, libros ou lentes graduadas.

Por este motivo, recomenda aos usuarios deste servizo que cando se dean de conta que veñen de perder algo e sospeitan que puido ser nunha viaxe en bus, chamen a empresa concesionaria. No caso de que xa teñan pasado varios días confirma que eses obxectos acabarán na Oficina de obxectos perdidos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar