Concello de Ourense:13 claves para o futuro


O incremento do emprego, froito da eliminación da intranquilidade nos inversores
que posibilitan a implantación de novas industrias; favorecer o asentamento
poboacional no rural; potenciar e mellorar a rede viaria; a consecución de solo para
dotacións públicas; o incremento das zonas verdes e de esparexemento; a
obtención de ordeación de terreos como resultado da integración ferroviaria; o
desenvolvemento termal da cidade; e o desenvolvemento urbano e sustentable,
con 30% de reserva para vivendas de protección, son as principais liñas marcadas
polo Goberno Municipal para apuntalar a defensa do actual PXOM, aprobado
inicialmente no anterior mandato e asumido íntegramente no actual.

“O futuro de Ourense está debuxado no PXOM, aprobado inicialmente polo
anterior Goberno Municipal e que este Goberno actual asumiu e traballou por
responsabilidade coa cidade. De ningún xeito os ourensáns e ourensás poden
permitirse que o futuro da cidade se vexa paralizado por unha teima política e o
capricho de quenes non queren o avance da Ourense”, sinala o alcalde, Jesús
Vázquez Abad.

As trece claves polas que o Goberno Municipal considera que a aprobación
definitiva do Plan Xeral é fundamental para o futuro de Ourense son as seguintes:

1.- A aprobación definitiva do Plan Xeral fomentará o aumento do emprego,
eliminando a intranquilidade existente actual nos inversores, orixinada polas anulacións do plan do 2003, a ordenación provisional e o plan especial de As Burgas.

2.- Favorécese o asentamento poboacional nos núcleos rurais agora
perfectamente delimitados e nos que se ampliou substancialmente o seu ámbito e
a posibilidade de edificación, con novas infraestruturas, como reclamou
amplamente a cidadanía nas alegacións ao Plan.

3.- Posibilítase a implantación de novas industrias e usos terciarios coa creación,
tan necesaria, de novos solos industriais e a ampliación dos xa existentes como o
de As Coiñás, estrada N-120, Seixalbo, etc. O que implicará novos
investimentos e creación de emprego.

4.- Supón a potenciación e mellora da rede viaria municipal como as conexións
coas doutras administracións como a Rolda Bulevar, a Rolda Termal ou a conexión
co polígono de Seixalbo e a posibilidade de creación de aparcadoiros disuasorios
e outros novos na cidade para facilitar a mobilidade dos cidadáns.

5.- Xérase unha cantidade importante de chan dotacional de obtención gratuíta,
hoxe inexistente, para equipamentos públicos..

6.- É un plan que dispón dun bo estudo actualizado das infraestruturas existentes
no concello, tales como saneamento, abastecemento, rede eléctrica, etc, para
favorecer a súa mellora e ampliación, principalmente na zona rural.

7.- As determinacións actualizadas e precisas das aliñacións tanto no chan urbano,
como nos núcleos rurais, favorecerá a axilidade na consecución de licenzas de
edificación e a maior seguridade das mesmas.

8.- Prodúcese un gran incremento das zonas verdes e espazos libres a obter de
forma gratuíta en todos os distritos da cidade, con amplas zonas de
esparexemento principalmente nas ribeiras dos ríos da cidade, permitindo a súa
execución.

9.- Defínese e posibilita a ordenación dos terreos de Renfe e Adif existentes no
ámbito da estación, a través dun Plan Especial que ordenará toda esa zona e outro
plan especial que facilitará a obtención e ordenación dos usos dos terreos do
actual corredor ferroviario, unha vez se execute a variante exterior do tren.

10.- Posibilítase a realización do desenvolvemento termal con equipamentos e
usos terciarios tanto na zona da Chavasqueira, Outariz, como nas Burgas, así
como unha nova pasarela peonil desde o campo de Reza.

11.- É un plan que ten como obxectivo a sustentabilidade e protección do medio
ambiente e para iso incrementa substancialmente o chan de protección no  territorio, de tal forma que practicamente o 80% da superficie do municipio é chan
rústico de protección.

12.- Permite o desenvolvemento urbano do municipio dunha forma sustentable,
con novas edificacións no chan urbano e cunha previsión edificatoria adecuada ás
previsións de crecemento da cidade para 20 anos, potenciando a creación de
espazos libres e a rehabilitación da edificación existente.

13.- Posibilita a obtención de terreos, nunha porcentaxe do 30% do total da
edificación residencial prevista, para a construción de vivendas de protección
oficial tanto para a venda como para o aluguer.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar