O Concello de Ourense abre os prazos para presentar os maios e as coplas

O Concello de Ourense abre unha nova convocatoria do concurso para elixir o cartel anunciador da Festa dos Maios 2019, que se celebrará o vindeiro 5 de maio na cidade. A Xunta de Goberno Local do pasado xoves aprobou as bases e a convocatoria do certame, que está dotado cun premio de 800 euros para o autor ou a autora da obra gañadora. O prazo de presentación de propostas estará aberto ate o día 3 de abril. Do mesmo xeito, a xunta de goberno local celebrada hoxe aprobou as bases para os concursos de coplas e maios, cuxo prazo de presentación permanecerá aberto até o 30 de abril.

As bases completanse aquí, AQUÍ.

O concurso do cartel está convocado co obxectivo de fomentar a participación nas actividades que forman o ciclo festivo da cidade. Está aberto á participación de toda persoa física ou xurídica, que deberá presentar traballos inéditos e orixinais -acompañados dunha declaración responsabilizándose de que non existen dereitos de terceiras persoas-, e representativos da festividade na cidade de Ourense.

Coplas e maios

As tradicionais coplas e maios convócanse de forma aberta para todas as asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e calquera persoa que o desexe, sempre que sexa maior de idade.

En canto aos maios, haberá as seguintes modalidades: o enxebre, tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros (300 euros de premio); o artístico, que recrea, cos elementos tradicionais, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte do pobo ou da cidade, personaxes, etc (500 euros); o creativo, que é a representación dos maios enxebres podendo utilizar calquera técnica ou material (200 euros); e o infantil, realizado por nenos e nenas, menores de 18 anos (200 euros).

En canto ás coplas, haberá dúas modalidades, as infantís (200 euros de premio) e as de adultos (200 euros). Valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados, así coma o emprego da melodía tradicional e que as estrofas vaian enlazadas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar