A Deputación de Ourense colaborará no asesoramento sobre os montes en man común

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente de Agromacen, Asociación de Gandeiros do Macizo Central, Pedro Rodríguez, con quen analizou temas referidos ao medio rural ourensán para colaborar con iniciativas que favorezan a competitividade da actividade agraria e gandeira. Un dos asuntos que trataron foi a cooperación por parte da Deputación de Ourense con esta organización agraria no asesoramento xurídico ás comunidades propietarias de montes veciñais en man común, un ámbito do que o presidente Baltar destaca “o seu potencial cara a unha maior competitividade, sinaladamente, no que atinxe ao sector forestal”.

Precisamente, esta foi unha das medidas aprobadas no pleno do pasado debate sobre o estado da provincia –novembro de 2018-, proposta por Manuel Baltar, que especificaba “axudar e asesorar ás comunidades propietarias de montes veciñais en man común para a legalización da súa xestión no correspondente a estatutos, elección de xuntas reitoras e consulta das axudas públicas e posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural”.

Na reunión, Baltar explicoulle ao presidente de Agromacen outra das medidas aprobadas na sesión plenaria do debate sobre o estado da provincia, referida á negociación e estudio entre administracións públicas e entidades privadas para situar nun concello da provincia o Centro Tecnolóxico Forestal, para a explotación racional do monte e a súa dinamización, na liña do Observatorio Internacional do Medio Rural que desenvolverá a Deputación de Ourense coa Universidade de Vigo e profesionais do sector.

A esta iniciativa se une tamén outra relativa á prevención de incendios forestais -aprobada no dito pleno- sobre a sinatura entre a Deputación de Ourense a Consellería de Medio Rural dun convenio para pór a disposición a maquinaria da Deputación para complementar a limpeza de franxas de seguridade nos concellos; e no que atinxe aos sectores produtivos, incorporar ao Observatorio Económico Ourensán informes sobre os ámbitos estratéxicos da provincia como o viño, a castaña, a pataca e os produtos con denominacións de orixe, selo de calidade ou indicación xeográfica protexida, o que contribuirá a seguir promovendo o potencial agroalimentario da provincia de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar