Chega ás librarías a biografía de Antonio Fraguas

Estes días comeza a chegar ás mesas de novidades Antonio Fraguas. Mestre da memoria, a biografía do homenaxeado coas Letras Galegas 2019. Asínaa a profesora e editora Malores Villanueva.

Como cada ano, a colección Letras Galegas da Editorial Galaxia acolle a publicación da biografía do persoeiro homenaxeado. Neste 2019, dedicado a homenaxear a figura de Antonio Fraguas (Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), chega ás mesas de novidades das librarías Antonio Fraguas. Mestre da memoria, un traballo de pescuda biobibliográfia a cargo da profesora e editora Malores Villanueva.

Profesor, etnógrafo, xeógrafo, historiador e galeguista. Antonio Fraguas descóbrese nesta biografía como un notario da realidade, un coñecedor do seu pobo e un investigador incansable da cultura de Galicia. O seu paso polo Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista asentanron nel o ideario político, mais sen dúbida, tal e como se descubre nestas páxinas, foron as súas raíces de estirpe labrega as que máis o marcaron.

Malores Villanueva (Cotobade, 1982) achéganos nesta biografía a vida e a obra de Antonio Fraguas cun estilo áxil nun relato ateigado de anécdotas, pero que tampouco renuncia ao rigor documental. A súa lectura é unha viaxe polo século XX da man do persoeiro homenaxeado nas Letras Galegas 2019: o seu labor investigador, a súa entrega á docencia, as súas facetas de primeiro locutor de radio ou de director do Museo do Pobo Galego, mesmo a súa incursión cinematográfica son algunhas das liñas vitais que se trazan neste libro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar