A feira Abanca Semana Verde de Galicia promociona no Fórum Gastronómico do 6 ao 9 de xuño

A Feira Internacional de Galicia ABANCA participa estes días no Fórum Gastronómico, unha cita para os profesionais da gastronomía que se celebra dende onte ata mañá en ExpoCoruña.

Coa súa presenza neste evento, no que conta con stand propio, a entidade feiral ten como obxectivo promocionar o salón alimentario da 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, denominado Salimat Abanca. As datas de celebración de ambos certames serán do 6 ao 9 de xuño.

 

 

Durante estes días estase a difundira a proposta feiral de Salimat Abanca 2019 entre expositores e visitantes. Así mesmo, un equipo de traballo está a establecer contacto coas empresas que concorren ao Fórum Gastronómico para explicarlles as oportunidades de negocio que xerará esta cita, ao tempo que analizan as novidades do sector a través da exposición e das actividades do evento.

Salimat Abanca volverá a converterse en 2019 en espazo de converxencia para o sector alimentario e gastronómico.  Incluirá unha interesante área expositiva que segue apostando por conxugar a gran distribución, cada vez máis presente, con entidades de distintas rexións e pequenos produtores diferenciados pola súa calidade ou innovación.

Sumarase a ela un destacado programa que incidirá na incorporación de propostas tan atractivas como cociña en directo de chefs de prestixio, catas ou encontros con blogueiros gastronómicos e tendas gourmet, ademais dos seus recoñecidos Encontros Internacionais de Compradores. Estes propiciaron en 2018 máis de 1.400 reunións de negocio con 25 compradores alimentarios de 14 países.

 

Intensa promoción para seguir medrando

 

Esta participación responde á aposta da Feira Internacional de Galicia ABANCA por unha intensa promoción deste salón alimentario noutros eventos feirais, co propósito de que continúe cun crecemento que é constantes nos últimos anos e que supuxo que en 2018 contase cun 25% máis de expositores, ao acoller 220.

Así, Salimat Abanca estivo presente con stand no certame alimentario So Food So Good, celebrado o pasado outubro en Oporto, e tamén en Xantar, levado a cabo en febreiro en Expourense. Ademais, realizouse unha visita comercial a Madrid Fusión no mes de xaneiro. O vindeiro abril o certame promocionarase en Madrid no Salón Gourmets, con visita do equipo da feira ou con presenza na exposición, un aspecto aínda por determinar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar