A Denominación Ribeiro chega ao Fórum Gastronómico A Coruña 2019

A D.O. Ribeiro participará activamente no evento gastronómico de referencia en Galicia, o Fórum Gastronómico Coruña 2019, coa presenza de tres adegas con stand propio, outras tres no espazo da Consellería do Medio Rural, así como con 24 referencias no túnel do viño “Galicia en cata”, organizado pola Agacal (Axencia Galega de Calidade Alimentaria). A feira celébrase dende o domingo 10 ata o martes 12 no recinto feiral ExpoCoruña en horario de 10.00 a 20.00 horas.

En paralelo, a D.O. Ribeiro será o viño oficial do cóctel-showcooking que organiza Finca Montesqueiro, un evento moi especial con motivo do Fórum Gastronómico, onde nove cociñeiros de recoñecido prestixio, como Bea Sotelo, Nandu Jubany, Diego López ou Lucía Freitas,  prepararán un dos momentos gastronómicos máis singulares do día forte do Fórum, o luns pola noite nas súas instalacións de Oleiros. Os visitantes poderán degustar os manxares dunha selección de grandes chefs en harmonía cos viños brancos e tintos das adegas Arco da Vella a Adega de Eladio, Casal de Armán e Cunqueiro.

 

O C.R.D.O. Ribeiro acude a esta cita de forma presencial coas adegas Arco da Vella a Adega de Eladio, Casal de Armán e Cunqueiro para dar a coñecer a D.O. máis antiga de Galicia e que os expertos vitivinícolas caten os seus viños. Trátase dun evento que reúne aos mellores profesionais, o ano pasado visitárono máis de 23.100 persoas. Produtores, cociñeiros, enólogos, pasteleiros e outros expertos percorren o recinto, participan en conferencias ou talleres durante os tres días. Por outra banda, a D.O. Ribeiro tamén estará representada por 24 viños no túnel de cata libre “Galicia en cata” que organiza a Agacal, así como polas adegas Alanís, Antonio Montero e Pazo de Casanova, que tamén exporán os seus produtos no espazo da Consellería do Medio Rural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar