“Castelao e Prada, irmaus”, exposición na Deputación de Ourense

 

Inauguración da Exposición «Castelao e Prada, irmaus» no Deputación Provincial de Ourense. Asinten Manuel Baltar (Presidente da Deputación), Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura), Luis G. Tosar (Representante da Familia), Jose María Vilalén (Presidente do Centra Galicia de Bos Aires) Amalia Bóveda (Filla de Alexándre Bóveda) entre outras autoridades.

A Deputación de Ourense inaugurou na antiga biblioteca do Pazo Provincial a exposición «Castelao e Prada, irmaus», que acolle a obra pictórica icónica do galeguismo, A derradeira leición do mestre, de Alfonso Rodríguez Castelao, que se exhibe por primeira vez na provincia de Ourense.

O acto contou coa participación de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; do escritor e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e do presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén. O titular do goberno provincial dixo que «a irmandade e a conciencia galeguista foron os elos que mantiveron unidos a Castelao e Prada nunha mesma causa, a do recoñecemento da nosa identidade como pobo».

Diante da obra A derradeira leición do mestre e ao carón das cinsas do galeguista ourensano Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga, Baltar expresou: «Temos en Ourense a Castelao, representado a través da máis abraiante e conmovedora das súas obras maxistrais», subliñando que este «non é un cadro máis do insigne artista plástico, escritor e político, senón que é a obra que máis e mellor esperta as conciencias»

Na celebración, que uniu en homenaxe a Castelao, Prada e Bóveda, o presidente da Deputación de Ourense salientou a significación desta exposición: «Castelao e Prada mantiveron unha estreita amizade e unha leal colaboración política, a cal, desde a Deputación de Ourense, quixemos salientar cunha soa palabra: «irmaus», engadindo que foron moitas as accións desenvolvidas por ambos desde 1931, cando se coñeceron en Pontevedra -na fundación do Partido Galeguista- ata o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires, data do pasamento de Castelao», «unha irmandade que para eles foi lei de vida, entrega absoluta e xenerosa, amor e servizo a Galicia. E volve ser a forza imparable da irmandade a que os xunta de novo, hoxe, en Ourense».

Baltar dixo que A derradeira leición do mestre «reflexa un intre tráxico co que Castelao denuncia a acción reaccionaria da barbarie asasina. Mais coas figuras dos nenos, co seu pranto e, sobre todo, co rostro de Bóveda, o artista consegue que aínda alente a esperanza. Alexandre, os seus ollos e a súa valentía fronte á morte, representa a luz da redención, unha Galicia martirizada pero aínda viva, xamais rendida».

O presidente do goberno provincial lembrou que para dar testemuña da tarefa de recuperación política e cultural do galeguismo, «trouxemos, hai poucos meses, as cinsas mortais de Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga. Lembramos así unha figura comprometida -Prada estivo en case todo-, e cumprimos a súa vontade de patriota de descansar na terra onde naceu, en palabras de Rodolfo Prada, «cando a democracia e a autonomía volvan ser os piares de Galicia».

Baltar destacou no seu discurso que hoxe, 7 de marzo, en Ourense «poñemos de manifesto o ideario social e económico de Alexandre Bóveda, para que o seu rostro e o seu sacrifico sexan os da memoria de todos os mártires galegos», e neste sentido comprometeuse a levar ao pleno da Deputación de Ourense a proposta da Fundación Bóveda para que o 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, «acade a consideración e o ámbito institucional que lle corresponde».

Asemade, anunciou que grazas á colaboración coa Fundación Castelao, a Deputación de Ourense vai publicar un volume, coordinado por Luís González Tosar, que recollera máis de trinta cartas que Castelao lle enviou a Rodolfo Prada, «importantes testemuñas documentais remitidas polo xefe do galeguismo político, desde Valencia, Barcelona, a Unión Soviética, Nova York, California ou Cuba ao seu fiel e discreto amigo e correlixionario».

Rematou o presidente Baltar o seu discurso salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, «sentaremos os alicerces do centenario de Nós, porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber de honrar a todos os bos e xenerosos».

Pola súa banda, Luís González Tosar destacou na súa intervención o papel do Partido Galeguista, «do que recibimos a estirpe dos bos e xenerosos», e referiuse ao importante valor testemuñal da correspondencia entre Castelao e Prada, «capítulos de bonhomía e de irmandade entre dous homes, que nos ensinan o máis luminoso de Galicia, un compromiso de autenticidade e liberdade».

Amalia Bóveda expresou «a dor que supón contemplar este lenzo, mais hai compromisos dos que non se pode fuxir», e salientou que a leición do mestre ten dor pero tamén orgullo, «a memoria e grata pero tamén e molesta; e pasado e presente, e debemos facela aínda máis presente e máis pública, sen medias tintas e con valentía», dixo a filla de Alexandre Bóveda, quen expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense.

«Os nosos irmáns do pasado non entenderían situarse de perfil neste momento -afirmou-, e calquera que coñeza a Rodolfo Prada, a Castelao, a Alexandre Bóveda…, entenderíao como unha traizón máis á que someteríamos á súa memoria», destacando que é momento «de espallar con orgullo e de poñer en práctica a leición do mestre».

José María Vila Alén defendeu que a pegada «do noso galeguismo e da nosa emigración se dea a coñecer entre os novos, nas escolas», subliñando que este cadro «xúnguenos coa nosa historia e representa a Galicia que non coñece de fronteiras artificiais, homenaxeando a Alexandre Bóveda, que loitou a prol da súa terra e espallou esperanzas de futuro, algo que Castelao soubo reflectir perfectamente». E rematou: «Oxalá aprendamos a leición». Pola súa banda, Román Rodríguez dixo que a senlleira obra de Castelao «é máis ca un cadro, forma parte do ser de Galicia», e que a súa mensaxe «non a debemos esquecer senón mirar ao futuro coa forza da cultura e da educación».

O acto contou na súa parte musical coa participación do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou ao inicio da celebración a Alborada de Ourense, rematando co Himno de Ourense e co Himno Galego.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar