Os xulgados e tribunais galegos resolveron o ano pasado 271.176 asuntos

Os xulgados e tribunais galegos resolveron o ano pasado 271.176 asuntos (1.039 de media por órgano xudicial), quedando en trámite ao final do período 154.979 asuntos, un 21,3 por cento máis que na mesma data do ano anterior, cando quedaron 127.810 casos. A entrada de asuntos descendeu en todas as xurisdicións, excepto na contencioso administrativa, segundo os datos do informe ‘Situación dos órganos xudiciais no ano 2018’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Os órganos xudiciais de Galicia ingresaron o ano pasado 302.278 novos asuntos, fronte aos 319.765 de 2017, o que supón unha diminución interanual do 5,5 por cento. No conxunto do Estado, o número de asuntos ingresados experimentou un incremento do 2 por cento.

Datos por xurisdicións

Na xurisdición civil, o número de asuntos ingresados en Galicia en 2018 foi de 121.123, o que supón un descenso do 0,5 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. O ano pasado resolvéronse 101.251 asuntos, quedando en trámite ao final do período 79.188, un 28,7 % máis que a finais de 2017.

Na xurisdición penal entraron 141.757 asuntos, o que supón un 10,3 por cento menos que en 2017. O número de asuntos resoltos foi de 134.189 (un 15,8 % menos) e o de asuntos en trámite ao final do período de 43.036 (un aumento do 16,8 %).

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 9.179 asuntos o ano pasado, o que supón un aumento interanual do 4,1 %. Resolvéronse 7.832 casos, un 18,2 % menos que no exercicio anterior, e quedaron en trámite 7.364, un 27,6 por cento máis que en 2017.

Por último, a xurisdición social experimentou unha baixada na entrada de procedementos, xa que os 30.219 ingresados representan un 3,3 por cento menos que en 2017. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 27.904 e quedaron en trámite ao final do período 25.391, un 7,4 % máis que o ano pasado.

Estes datos estatísticos teñen que ser interpretados tendo en conta as consecuencias da folga de funcionarios levada a cabo entre os meses de febreiro e maio do ano pasado.

Tasa de litixiosidade

A taxa de litixiosidade en Galicia (111,9) situouse por baixo da media do conxunto do Estado en 2018, que foi de 128,2 asuntos por cada mil habitantes. En civil, penal e contencioso a taxa da comunidade sitúase por baixo da media, pero é bastante máis alta na xurisdición social: 11,2 fronte ao 8,7 de media estatal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar