Ourense: Licenzas e Disciplina Urbanística iniciaron a trámite 18.893 expedientes

Os servizos de Licenzas e Disciplina da Concellería de Urbanismo tramitaron 18.893 expedientes  nos primeiros 43 meses do actual mandato municipal, un 18,54% máis que no mesmo período do anterior mandato, no que se iniciaron 15.937 expedientes, a pesar de que entón había máis persoal no departamento.

Así o reflicten os datos manexados pola propia Concellería de Urbanismo, que analizan os datos comprendidos entre o un de xuño de 2015 e o 31 de xaneiro de 2019, ambos inclusive. As cifras confirman que o maior incremento produciuse en relación aos expedientes de disciplina: onde se iniciaron 6.458, un 43,6% máis que no mesmo período do goberno anterior (no que foron 4.497).

No caso dos procedementos de licenzas, o incremento foi dun 8,6%, pasando de 11.440 a  12.435 expedientes. En ambos os casos aumentouse a atención á cidadanía, pese a contar con menos persoal no departamento.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que «o importante aumento no número de tramitacións reflicte o esforzo realizado ao longo deste mandato para darlle unha resposta áxil e dinámica aos usuarios do servizo de Urbanismo, sen que vexan afectadas as súas necesidades por un descenso de persoal”.

“Traballamos para facilitar as labores que os nosos cidadáns teñen que facer en cuestións habituais do seu día a día, como pode ser a inspección de edificios, porque a nosa vocación é que vexan melloras sustanciais na atención que reciben, e darlle cumprida resposta as súas demandas”, confirma Jesús Vázquez.

O maior aumento no número de expedientes tivo lugar no de departamento de Disciplina, onde nos primeiros 43 meses do actual mandato tramitáronse un total de 6.458, un 43,6% máis que nos 43 primeiros meses do anterior goberno municipal. Desta cifra o 77,43% das actuacións (5.220) estiveron relacionadas coa Inspección Técnica de Edificios, onde o período medio de tramitación foi de 43 días.

 

Departamento de Licenzas

 

No departamento de Licenzas nos primeiros tres anos e sete meses do actual mandato o número de expedientes iniciados aumentou un 8,6%, pasando de 11.440 a 12.435. O aspecto máis destacado foi que nas obras máis habituais os períodos medios de tramitación foron os máis baixos, co gallo de axilizar a resposta á cidadanía.

Así, nas licenzas de obra menor que precisan de actuación comunicada (LICOME2), que supuxeron un 51,3% das actuacións do departamento  (6.170),  o tempo medio de espera para os solicitantes foi de sete días. O 81,9% dos expedientes informáronse de conformidade nese prazo.

Tamén foi moi destacado o número de actuacións relativas a cambios de titularidade (CAMTIT), un total de 1.282 (10,67%), nos que o prazo de espera medio foi de 19 días.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar