Feijóo celebra os dez anos de xestión política na Xunta

 

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o voto ao Partido Popular “mereceu a pena” e foi “útil” para a nosa Comunidade na última década. Así se expresaba no acto de conmemoración da súa primeira vitoria electoral hai dez anos, unha data na que “os galegos decidiron abrir unha nova etapa en Galicia”.

“Votáronnos para facer e fixemos”, dixo ao tempo que matizaba que a Galicia que en 2019 mira con máis confianza ao futuro é froito dos galegos e que “o que fixo este partido durante todo este tempo é estar sempre ao seu carón”. Así, os cidadáns uniron as súas forzas para superar a peor das crises e tampouco as dispersaron nas urnas, uníndoas de maneira útil no PPdeG.

Nese senso, insistiu en que foi e é un voto útil para a estabilidade, cun Goberno que goberna e que só se debe aos seus cidadáns, que é previsible e que aproba uns orzamentos en tempo e forma; para a responsabilidade, cun Executivo que gasta menos en si mesmo e todo o posible nos cidadáns, que tapa os buratos herdados, que cada exercicio responde ante as súas obrigas, que é o que menos se endebedou durante dez anos, que paga aos seus provedores e que sempre cumpre; e para a xestión, para facer máis con menos e para que os servizos públicos cheguen a máis cidadáns e con maior eficacia.

 

Igualmente, precisou que a confianza dos galegos no PP resultou útil para pagar menos impostos grazas á maior baixada fiscal da nosa historia, facendo posible que un 99% non pague polo imposto de sucesións e doazóns, para que o 98,5% pague menos IRPF e para que non se paguen impostos no rural.

Ademais, reivindicou que isto foi beneficioso para Galicia e para España, xa que “aquí non perdemos nin un segundo nas pretensións de quen quere que elixamos entre Galicia e España, somos de menos nacionalismo e populismo e de máis traballar”.

MÁIS GALICIA, ESPAÑA E EUROPA

“Galicia é hoxe máis Europa, máis España e máis Galicia”, manifestou o presidente, mentres recordaba que a Comunidade demostrou capacidade para investir con responsabilidade os fondos europeos, soubo negociar en materias como a pesca, o Corredor Atlántico, a PAC ou o tax lease e estreitou lazos a través da eurorrexión ou creando a macrorrexión. Así mesmo, contribuímos á unidade de España porque Galicia mirou máis aló de partidos para aliarse con outras rexións, defendeu con palabras e feitos a Constitución, e demostrou que hai un Estado das Autonomías que é útil, leal e responsable.

 

Ademais, recoñeceu que en Galicia cumprimos coas nosas obrigas para poder ser máis libres sendo, nos peores momentos, a única Comunidade que mantivo plenamente o seu autogoberno constitucional. “Uns preferiron axitar bandeiras, nós preferimos pagar facturas”, resaltou.

 

De feito, puxo en valor que agora hai máis servizos, máis prestacións e máis oportunidades para os galegos: temos un dos mellores sistemas sanitarios públicos de España, Galicia é máis social e máis inclusiva que nunca, é onde máis se apoia ás nais e os pais, é a máis xusta cos maiores e as persoas con discapacidade, contamos co sistema educativo máis inclusivo e máis equitativo de España, coa Universidade pública máis accesible do país e cunha FP máis reforzada e prestixiada para unha nova xeración que se está a formar na igualdade, sen esquecer que a Comunidade está mellor comunicada, máis ordenada territorialmente e respéctase máis a si mesma.

Durante a súa intervención, Feijóo tamén aclarou que temos un Goberno e un partido orgulloso de Galicia, a Xunta e o PP, e que, con ese sentimento, tratan que a nosa cultura chegue máis lonxe, abrindo as nosas portas para recibir cada ano máis visitantes, mostrando ao mundo o que somos capaces de facer e de ofrecer porque este é un lugar onde merece a pena investir. “Galicia é progreso, innovación, e calidade”, indicou antes de recordar que batemos records de exportacións, apoiamos aos autónomos, logramos que rexurdiran sectores como o naval ou a automoción e que xurdiran outros emerxentes como a eólica mariña ou o aeroespacial, ademais de recobrarse a importancia do noso sector primario.

GOBERNAR PARA TODOS

Por outra banda, o presidente defendeu que acadar as tres maiorías absolutas consecutivas non sería posible sen os máis de 700.000 galegos que os votaron ao PP. Nesta liña, precisou que os populares foron útiles para eles e para miles de galegos máis: para o 99% que tiveron unha baixada nos seus impostos autonómicos, para os case dous millóns que teñen xa ao seu carón un hospital público ou un centro de saúde novo ou renovado, para os máis de 60.000 dependentes que agora son atendidos, para as 40.000 familias que reciben unha Tarxeta Benvida, para os 25.000 rapaces que agora teñen unha praza pública de gardería e para os 14.000 fogares aos que se lles axudou a manterse con electricidade no inverno.

 

Pero, segundo afirmou, os populares gobernan para todos os galegos, tamén para os que non votan ao PP, sinalando que a garantía dun goberno para todos é unha maioría como a que logrou o seu partido. “Sempre buscamos a maioría máis ampla porque ningún concello, nin Galicia, nin España pode ser refén de ningún partido e, moito menos, de ningunha minoría que quere impoñerse”, subliñou mentres recalcaba que “a Galicia da estabilidade e da recuperación é a dunha maioría de galegos que se xuntaron nas urnas cun voto útil e, sobre todo, a dunha maioría de galegos, aínda máis ampla”.

SEN CONFORMARSE NUNCA

“Se o obxectivo da política é deixar aos que nos han de suceder un lugar mellor que o que herdamos, acadámolo, pero non nos conformamos”, aseverou o presidente explicando que a Comunidade é un pobo esixente e inconformista e “nós somos o partido que máis se parece a Galicia”. Neste sentido, salientou que seguirán traballando porque a nosa rexión precisa da estabilidade que non hai no resto de España, ten que seguir crecendo e creando emprego, precisa dun goberno que una, porque hai que continuar buscando o benestar das familias e o progreso do país. “Seguimos e seguiremos garantindo que o voto útil para Galicia é o voto ao Partido Popular”, insistiu.

Tras recoñecer que non hai maior honra que servir á nosa Comunidade e que sempre merece a pena, concluíu que “non son autor de nada, pretendo ser servidor público de todos”, manifestando que “Galicia é unha obra colectiva e un enorme mérito das galegas e os galegos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar