Plantada unha nova Árbore de Gernika na Casa de Rosalía

A Casa-Museo de Rosalía de Castro acolleu o acto de plantación do retoño da Árbore de Gernika, logo de que o anterior exemplar, traído por Avelino Pousa Antelo, morrera o ano pasado. Ao evento asistiu a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, organismo que mantén a Árbore de Gernika, Ana Otadui, ademais do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Tamén participaron no acto lendo poemas alumnos do colexio Rosalía de Castro de Padrón.

Este é o terceiro Carballo de Gernika que hai en Galicia, ademais doutro exemplar no propio Xardín Botánico de Padrón e na vila de Narón. Ana Otadui fixo entrega ao alcalde de Padrón do certificado de autenticidade que dá conta de que é fillo do Carballo de Gernika.

A Árbore de Gernika é un exemplar de carballo situado diante da Casa de Xuntas de Gernika no País Vasco. Simboliza as liberdades tradicionais dos vascos desde que na Idade Media o señor de Biscaia xuraba respectar os fueros baixo este carballo. Na actualidade é o lugar no que o lehendakari promete cumprir co seu cargo.

Día de Rosalía 

Este foi un dos moitos actos que a Fundación Rosalía leva a cabo por mor do Día de Rosalía. Entre eles, quere conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, chamando á participación xeral en dous eventos: a Alborada, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, e o Caldo de Gloria,  iniciativa á que xa se sumaron numerosos colexios, restaurantes e os concellos de Padrón, Compostela, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa e Ponteceso.

O Caldo de Gloria é unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.

Nesta terceira edición, a encargada de preparar o Caldo de Gloria na Casa-Museo será a escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2015, pola súa obra ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, e unha das máis populares escritoras galegas, que conta con milleiros de lectores novos e conta por ducias os seus premios, como o Merlín, o Lazarillo ou o Losada Diéguez.

Tamén participarán tres mulleres de Mazaricos facendo Bolos do Pote: Angelita García Tuñas, Esther Muíño e Laura Prado.

Alborada de Rosalía

Este ano volvemos celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013 no 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, no que participaron máis de 70 grupos por todo o país e nalgunhas cidades do estranxeiro.

A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que facemos desde aquí un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra, ao igual que se fixo en 2013.

Actos durante toda a Semana de Rosalía

Estes son os actos nos que participa a Fundación ao longo da semana:

21 de febreiro

11.00.  Casa-Museo: plantación do Carballo de Gernika na horta da Casa. Nela participará a Presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui.

12.25. IES de Valga: lectura de poemas e Caldo de Gloria

20.00. Auditorio de Rois: presentación do número tres de Follas novas. Revista de Estudos Rosalianos.

22 de febreiro

12.00 Concello de Padrón: Ofrenda floral, pasarrúas, recitais e concertos.

20.00 Auditorio de Padrón: interpretación poética, concertos, etc.

23 de febreiro

13.00. Casa-Museo. Estrea da peza musical escrita por Loliña Mosquera “Caldo de groria”, interpretada pola Banda de Padrón e a Coral Padronesa.

24 de febreiro

COMPOSTELA

11.00. Praza de Vigo: Primeira Alborada de Rosalía, con Os Carapaus.

11.30. Estatua de Rosalía na Alameda: Ofrenda floral.

12.00. Capela do Hostal dos Reis Católicos: acto institucional, coa actuación dun grupo de escolares de primaria de Ponteceso, lectura de textos rosalianos, a actuación de Canto d´Aquí e peche coa Alborada.

PADRÓN

17.00. Casa-Museo. Concerto dos portugueses Canto d’Aqui no Auditorio.

19.30. Caldo de Gloria para os asistentes na Casa-Museo, elaborado pola escritora Ledicia Costas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar