O pobo é quen máis ordena

O bo das eleccións é que practicamos o sanísimo exercizo do voto, ocasión periódica de comprobar que “o pobo é quen máis ordena” como proclamaba a Revolución dos caraveis que hai 45 anos liberou Portugal. E cada elección resulta ser o sondeo perfecto do estado de ánimo dos electores, que por acción ou omisión decidimos como imos camiñar no futuro inmediato.

Cando a decisión é clara, o rumbo está marcado, e as forzas políticas non teñen máis ca tentar cumprir o programa máis votado. Se non está claro, as mesmas forzas políticas cociñarán maiorías, ás veces fugaces, para cumprir fins e compromisos.

Este era un ano complicado, e máis que o vai ser. Era un ano de por si complicado pola necesidade de renovar os concellos e as deputacións provinciais a través das correspondentes eleccións municipais. Non se fala moito das eleccións europeas, que aínda non conseguimos convencernos de que a política europea tamén nos afecta de xeito moi directo e non podemos convertila nun cemiterio de elefantes a onde mandar aos políticos destacados que non teñen encaixe noutras listas electorais. Ademáis, xúntanse tamén varias eleccións autonómicas, nas que pode pasar de todo.

E de repente atopámonos coas eleccións nacionais, que o Psoe trataba de retrasar o posible para afianzarse no goberno, e as forzas da oposición tentaban provocalas por estimar que cando máis resbaradizo sexa o terreo que pise o goberno máis vai beneficiar os seus intereses, non ousando ninguén xuntar todas as eleccións pendentes no xa chamado superdomingo electoral de maio porque podería ser un prato demasiado forte para as nosas sensibilidades políticas.

E aí nos veñen as complicadas eleccións, á volta da esquina, sen estar preparados. Porque poden estar preparadas as forzas políticas para a loita electoral, para tentar conquistar o noso voto. Pero o malo deste tempo, deste momento, é que os electores non estamos preparados para votar. Non temos a cabeza fría, non temos a mente clara, non se dan as circunstancias precisas para unhas eleccións racionais, normais. Tal como estamos, pode saír calquera resultado. Así que, xa que estamos en permanente campaña electoral, cavilemos o destino do noso voto desde agora mesmo. Vale a pena que o razonemos, para ser sensatos votando.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar