O BNG formará as candidaturas ás eleccions xerais o 9 de marzo

O BNG celebrou o Consello Nacional extraordinario, centrado na preparación da eleccións xerais e  fixando o 9 de marzo como data para aprobación das candidaturas. Trala reunión, a portavoz, Ana Pontón, afirmou que o 28 de Abril é  unha oportunidade para que Galicia recupere voz propia no Congreso da man dunha forza política “sen ataduras e  sen dependencias, que dea a cara polos galegos e polas galegas en Madrid e  que defenda os dereitos sociais e nacionais, nun momento clave”.

Nesta lexislatura, afirmou Pontón, os partidos estatais demostraron que Galicia sempre pode esperar, e ser  a última carta da baralla.  “O cambio de inquilino na Moncloa, non foi máis que unha mera alternancia na discriminación co noso país”.

A portavoz do BNG amosou a súa decepción por unha década de recortes   “cun PP condenado por corrupción”, e un  Goberno de Sánchez continuador   da discriminación como demostrou coa morna reacción cando  están na picota 400 empregos en ALCOA,  novas subas na estafa das peaxes da AP9, a negativa a unha tarifa eléctrica galega, o mantemento da débeda co Porto da Coruña mentres se lle condonan 350 M€ ao Porto  de Valencia, ou ouns orzamentos pactados polo PSOE  con Podemos-En Marea que son: “Un exemplo de libro, de ata que punto as forzas estatais se alternan na discriminación a Galiciaa”. Viñamos dos recortes do PP e pasamos a unhas contas do PSOE, pactadas con Podemos e En Marea, cos investimentos máis baixos dos últimos 17 anos. Unha vez máis, “Galiza perde, mentres outros avanzan”.

Para acabar con ese centralismo que nos ningunea como nación, temos que facernos valer e iso  “só é posible cunha forza política propia, sen ataduras, sen sucursalismos madrileños”. Esa forza política é o BNG.

Imos ir a un escenario sen maiorías absolutas. Nese escenario, “1, 2, 3 deputados ou deputadas do BNG son máis útiles para a nosa comunidade que 23 ao servizo de Iglesias, Casado ou Sánchez”, e por iso, dixo, moitos galegos e galegas botaron de menos a voz do BNG no Congreso.

Estou convencida de que a sociedade galega tomou nota, e comparte con nós a mesma reflexión: Estamos nun momento clave, de crise do réxime, e cambios estruturais e  sexa cal sexa o escenario, “Galicia non pode quedar fóra e desaparecida do debate das nacións sen estado” porque   ten consecuencias: “Que nos rebaixen a un status de simple rexión,  que se tomen decisións contrarias aos nosos intereses, que sigan poñendo atrancos ao desenvolvemento do noso tecido produtivo, do noso territorio ou ao futuro da lingua galega”.

Este proxecto común, enfatizou Pontón, necesita de moitas mans e “as portas do Bloque están abertas a todas as persoas, colectivos e movementos que queren forzas propias capaces de  defender os dereitos  socias e nacionais dos galegos e das galegas. No proxecto común do BNG hai sitio para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”.

O 28 de abril, insistiu, temos  a oportunidade de recuperar esa  voz propia no Congreso e con esa  confianza abrimos hoxe o proceso de elaboración das candidaturas a través da participación democrática da militancia que, desde todas as comarcas do país, farán as propostas para conformar as listas ás eleccións xerais. “O Consello Nacional dará luz verde definitiva a esas candidaturas o 9 de marzo”. Unhas  candidaturas con persoas solventes, comprometidas, con amplitude de onda, e que sexan representativas da pluralidade da sociedade galega.

«Escollamos o mellor para Galiza, escollamos BNG para garantir a defensa dos dereitos nacionais e sociais, as liberdades públicas, o feminismo  e os valores republicanos. Non é momento de deixarnos levar pola política do medo. É momento de participar a favor de Galiza», concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar