Expertos en hidroloxía médica recomendan a cura termal para pacientes xeriátricos

 No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Mondariz acolle esta fin de semana unhas xornadas dirixidas a futuros médicos, nas que se abordará o papel que cumpren os centros termais de cara a favorecer o envellecemento activo das persoas da terceira idade. Pola súa parte, o balneario lucense de Augas Santas, situado na localidade de Pantón, centrará as súas sesións no valor terapéutico das augas mineromedicinais para tratar determinadas doenzas vencellas ao aparato locomotor.

 

A directora médico do Balneario de Mondariz, a doutora Laura Gómez, sinala que para gozar dun envellecemento saudable cómpre ter hábitos de vida físicos, mentais e sociais saudables. “E a hidroloxía médica, baseada no uso das augas mineromedicinais, constitúe unha ferramenta moi valiosa para este colectivo, xa que contribúe a retardar a vellez, ao tempo que permite abordar certas patoloxías asociadas á idade” -manifesta a doutora-. Indica que axuda tanto á prevención de enfermidades como ao tratamento e rehabilitación no caso de patoloxías crónicas de tipo reumatolóxico, respiratorio, dermatolóxico…

A doutora salienta que “grazas ao efecto antioxidante e antiinflamatario das augas mineromedicinais retárdase o proceso de envellecemento. Ademais, o seu efecto estimulante favorece a reactivación da capacidade física e psíquica das persoas, en particular dos pacientes xeriátricos”.

 

 

O TRATAMENTO DOS PACIENTES

 

O director médico do balneario de Augas Santas, o doutor Antonio Freire Magariños, explica que “a hidrocinesiterapia é unha terapia baseada na realización de exercicio dentro da auga, que se aplica en pacientes que teñen afectado o aparato locomotor, en particular os que sofren doenzas musculares e articulares, e mesmo para a rehabilitación de persoas con lesións de carácter neurolóxico”.

O doutor asegura que a hidrocinesiterapia ten resultados moi positivos nas persoas que a practican. Sinala que cómpre recibir o tratamento durante alomenos unha semana, aínda que a pauta ideal aconsellada polos médicos é de dúas semanas. Despois deste período, os pacientes observan unha melloría moi notable na súa saúde; en especial mellora a súa flexibilidade e o movemento das articulacións, ao tempo que diminúe a dor e se reduce a inflamación asociada a estes procesos. Tamén é importante ter en conta que a terapia debe aplicarse cada 6 ou 9 meses, que é o tempo que duran os seus beneficios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar