Isabell Seidel ilustra o #Entroido2019 en Ourense

Isabell Seidel (Lübeck/Alemaña 1980) é a autora do cartel que ilustrará as festas do #Entroido2019 de Ourense. A súa obra, elixida por unanimidade do xurado de entre un total de 17 propostas presentadas á Concellería de Cultura, reflicte o espírito e a singularidade do Entroido de Ourense, unha celebración que ten o seu lugar protagonista nas rúas da zona vella da cidade, escenario da imaxe que reproduce o cartel, e fai alusión a dous dos entroidos tradicionais: o Frei Canedo e a Pita das Eiroás.

O xurado destacou ademais a calidade artística do cartel, sen o emprego de técnicas dixitais no aspecto formal, e o ben que soubo plasmar o carácter divertido, participativo e rebuldeiro da festa. A autora recibirá un premio económico de 800 €, segundo estipulan as bases do concurso, e será a imaxe de toda a gráfica publicitaria relacionada co Entroido. Seu foi, tamén, o cartel gañador do Entroido de 2017.

O xurado tomou a decisión tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. Estivo composto por persoal municipal e por dúas persoas de recoñecida traxectoria nos eidos do deseño gráfico ou no das artes: o pintor Antón Barros e o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, da Deputación de Ourense, Francisco González.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar