O teatro galego copa a axenda cultural do Auditorio de Ourense

O teatro invade o Auditorio de Ourense esta semana, con ata catro representacións de diferentes compañías galegas: Ítaca Teatro, a ourensá A quinta do cuadrante, e Entremáns. Pechará a semana o musical Rosalía Pequeniña, unha montaxe musical para festexar o Día de Rosalía (a poeta), con Uxía Senlle, Sergio Tannus e Héctor Lorenzo sobre o escenario. A oferta cultural complétase con senllas exposicións no Museo Municipal e outra, dedicada ao escultor Antón Faílde, na sala Valente. Porén, a cultura da cidade celebra, a partir deste xoves, unha das celebracións máis senlleiras do noso ciclo festivo: o Entroido.

Cinco minutos sen respirar, de Ítaca Teatro.

Xoves 21 de febreiro. 20:30 horas. Duración: 80′. Entradas 3€. Público adulto
Retrata os anhelos, o medo e a escuridade que pode albergar unha persoa a través de dous personaxes: Margarita, unha (ex)empregada de banca, e Víctor, supervisor nun supermercado. Unha proposta baseada no traballo de interpretación e cunha dirección escénica que incide nos delirios e nas dualidades propias do mundo de hoxe. Cinco minutos sen respirar fala da vida, dos abusos bancarios, do amor, da explotación laboral, do suicidio, da familia, da violencia… e de tantas outras cousas, que non dá tempo a resumilas en cinco minutos. “A poesía é a única proba concreta da existencia do home”

O empapelado amarelo, de A quinta do cuadrante [avance]
Sábado 23 de febreiro. 20:00 horas. Entradas:5 €. Público: + 15 anos.
Dramaturxia de Tito Asorey e de Melania Cruz. O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal baseado no relato autobiográfico homónimo publicado no século XIX pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman, un referente feminista de gran importancia na historia da literatura universal. A proposta escénica busca dialogar coas palabras da escritora desde a nosa contemporaneidade a través da palabra, o ritmo e as atmosferas visuais e sonoras nunha viaxe sensorial liberadora cara aos territorios da loucura e a lucidez. Aforo máximo: 100 persoas.

GAIA, de Entremáns

Domingo 24 de febreiro. 12:00 horas. Público infantil e familiar (+3 anos)
Entremáns presenta o seu segundo espectáculo infantil, logo da boa acollida que tivo a nivel nacional o seu anterior espectáculo XOGA. Gaia é un espectáculo onde a voz e a danza nos achegan coñecementos dende unha óptica visual e imaxinativa. É unha historia en movemento na que a pintura, a música e o audiovisual nos axudan a descubrir a intensidade, o poder e a beleza das características do noso planeta e dos seus tesouros naturais. É un encontro didáctico co que entender a importancia da interacción entre as persoas e o medio ambiente.

Rosalía Pequeniña, concerto

Domingo 24 de febreiro. 18:00 horas. Espectáculo familiar gratuíto.
O 24 de febreiro, data do aniversario de nacemento de Rosalía de Castro, o Concello de Ourense celébrao con música, un dos mellores vehículos para descubrir e gozar da poesía. Uxía Senlle, acompañada de Sergio Tannus e Héctor Lorenzo, déixanos un feixe de cancións para retratar esa muller que uns chamaron tola e outros santa: a verdadeira Rosalía. Pirata, poeta, aventureira ou fada. Rosalía pequeniña para cantar, para rir, para gozar ou bailar.

Espazos expositivos

O Museo Municipal mantén dúas exposicións: ‘O paraíso nesta esquina’, unha colectiva dos artistas Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane que ocupará as salas 1 e 2 até o 17 de marzo, e ‘Metauniversos Coditianos’, da fotógrafa coruñesa Loly Villoch, organizada en colaboración da Fundación Cum Laude. O Museo Municipal está aberto de martes a domingo no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13:30 horas.
Ademais, e até o 31 de marzo, a sala Valente acolle ‘Antón Faílde e a natureza recoñecida’, de martes a sábado de 11 h a 13.30 h e de 18.30 h a 21.30 h e os domingos de 11 h a 13.30 h. A entrada é gratuíta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar