Ourense:27.000 euros para a alimentación das asociaciónes de maiores

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá unha convocatoria de axudas en especie para locais de asociacións de persoas maiores da cidade, ás que destinará unha achega de 27.000 euros. Trátase dun programa co que o Concello quere reforzar as actividades das asociacións “para que a terceira idade sexa sinónimo dunha segunda xuventude”, manifestou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Na mesma sesión, a xunta local aprobou unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para legalizar e aprobar a ordenación detallada de 7.676 metros cadrados do asentamento industrial no ámbito de Untes-Santa Cruz de Arrabaldo. “É un paso máis no obxectivo do noso Goberno por converter esta zona industrial nun referente e nun motor de emprego da nosa cidade”, asegurou o rexedor.

Na mesma sesión, fóra da orde do día deuse conta de que está convocada a Mesa de Negociación Xeral do Concello de Ourense para mañá venres, 15 de febreiro, para tratar a resolución das alegacións á aprobación inicial da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT).

A Xunta de Goberno tratou na súa sesión celebrada esta mañá un total de 23 asuntos achegados por diferentes áreas municipais.

Avogacía Consistorial

O Servizo de Patrimonio remitiu 2 expedientes administrativos para reclamar polos danos ocasionados por dous vehículos en fitos de dúas rúas da cidade.

Déronse a coñecer dúas sentenzas do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense. A primeira anula un proxecto de reparcelación xunto a igrexa da Trinidade. A sentenza sinala que debe tramitarse un novo proxecto, porque considera que non se recollen as cuestións económicas recollidas no convenio urbanístico. A Avogacía propón recorrer esta decisión por considerar que o convenio urbanístico e o proxecto de reparcelamento son instrumentos de planeamento independentes.

A segunda sentenza desestima a solicitude dunha indemnización pola paralización da licenza de construción dun edificio. A sentenza entende que a decisión do Concello de revisar de oficio e declarar a nulidade da licenza é conforme a dereito, porque se omitiu a preceptiva autorización da Comisión de Patrimonio con carácter previo a outorgar a licenza.

Por último, o Concello foi emprazado a comparecer ante o Contencioso Administrativo número 1, en relación á solicitude presentada polos propietarios de dous edificios (na Avenida das Caldas,  23 e no número 4 da rúa Basilio Álvarez) que solicitan a expropiación forzosa dos terreos nos que se atopan. O Concello non entende que deba ser así.

Licenzas

Concedéronse catro licenzas de obra para a instalación de ascensores noutros tantos edificios, para o proxecto de demolición dunha escaleira corredor nunha vivenda da Lonia, para a demolición de dúas edificacións na Avenida das Caldas e para a rehabilitación e ampliación dun edificio de vivendas na rúa Progreso. Esta obra contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, xa que ademais da rehabilitación e ampliación do edificio de vivendas, contempla a construción dun aparcadoiro no interior da mazá, que estará ligado ao edificio pero que tamén terá acceso pola rúa Doutor Fleming.

Tamén se concedeu licenza urbanística a un particular para a reorganización e agrupación instrumental de parcelas rústicas de protección ordinaria

En Aperturas, concedeuse licenza de obra para adaptar un local para restaurante no Centro Comercial Ponte Vella, cun orzamento de 54.004,25€.

 

Asentamento industrial en Untes-Santa Cruz de Arrabaldo

En Planeamento Urbanístico aprobouse unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para legalizar e aprobar a ordenación detallada de 7.676 metros cadrados do asentamento industrial no ámbito de Untes-Santa Cruz de Arrabaldo. Tras a aprobación pola Xunta de Goberno Local a modificación deberá ir a Pleno.

Trátase, explicou o alcalde, “dun novo paso no proxecto do Concello por converter esta área industrial nun referente na nosa cidade, tal e como recolle o Plan Xeral de Ordenación Urbana que redactou o PSOE e que recolleu este grupo de goberno”. Este plan contempla unha superficie de 45.000 metros cadrados  nesta contorna co obxectivo de seguir desenvolvendo a industria agro alimentaria xa instalada neste polígono, ou para o asentamento de sectores compatibles con esta industria.

A modificación ten como finalidade legalizar e modernizar a instalación industrial que xa hai na zona, manter a actividade e os postos de traballo que alí existen e realizar determinadas actuacións para modernizala e mellorar a súa adecuación ao medio ambiente (servizos de saneamento, etc).

O Concello obterá solo para equipamentos e para zonas verdes, nas superficies que determine a Lei de Solo de Galicia.

A través do desenvolvemento deste Polígono Industrial, o Concello aposta por impulsar unha das principais actividades económicas da cidade (o sector agroalimentario) e pola creación de novos postos de traballo, ofrecendo un terreo atractivo para as empresas xa instaladas na contorna, evitando que busquen outros destinos para a creación de emprego. Neste sentido, o alcalde lembrou que recentemente se acadou que a Xunta incluíse as alegacións presentadas polo Concello ao Plan de Áreas Empresariais de Galicia e que abren a posibilidade de emprazar estas industrias na área de Seixalbo.

O plan sectorial aprobado pola Xunta recolle 690.000 metros cadrados de solo para equipamento terciario, industrial e agro alimentario, que estarán conectados coa cidade a través da Ronda Bulevar. Trátase dun ámbito recoñecido como prioritario, e que vai desenvolver a Xunta a través da expropiación de solo e a realización da conexión viaria.

En Patrimonio recoñeceuse o pago dunha indemnización por responsabilidade patrimonial.

No Servizo de Contratación tratáronse tres asuntos: Aprobouse o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a subministración en lotes da renovación e mantemento de diversas licenzas de software do Concello para os anos 2019 e 2020,  por un importe total de 104.368,4 euros IVE engadido.

Tamén se aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento negociado sen publicidade, o seguro de responsabilidade Civil do Concello de Ourense, por un importe anual de 155.000 euros (exento de IVE) en 2019 e 2020. E rectificouse un erro no texto dun acordo da Xunta de Goberno Local de 9 de febreiro de 2019

No departamento de Persoal e Recursos Humanos desestimouse a petición dun traballador municipal para pasar a segunda actividade por non ter recoñecida a situación de segunda actividade nin cumprir cos requisitos.

No referente a Asuntos Sociais, aprobouse recuperar un inmoble destinado a vivenda municipal para poñela a disposición das persoas que máis o precisan. Neste mandato se dispuxeron tres vivendas para dar cobertura e apoio aos ourensáns que o necesiten.

 

Axudas en especie para asociacións de maiores

A Xunta Local aprobou a convocatoria de axudas en especie para locais de asociacións de maiores do Concello de Ourense. “Este programa é un dos eixos cos que apostamos porque as persoas  maiores sexan parte activa e dinámica da sociedade”, asegurou o alcalde, quen subliñou que “trátase dunha pata máis do noso proxecto para que a terceira idade sexa sinónimo dunha segunda xuventude. Para poñer nas mans dos nosos maiores as ferramentas precisas para que se relacionen entre eles, se acheguen á Cultura  ou mesmo poñan en marcha hábitos saudables de vida como a práctica dun deporte”.

A través desta convocatoria o Concello apoia o labor de entidades e asociacións veciñais que presentan e impulsan propostas culturais, recreativas ou de convivencia, que promovan a participación dos nosos maiores na vida comunitaria. O programa conta cun orzamento de 27.000 euros. As axudas consisten na entrega de locais alugados polo Concello ás asociacións de persoas maiores do municipio.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de presentación será de 20 días hábiles, dende o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

 

Relación de postos de traballo

Finalmente, a Xunta Local deu conta da convocatoria da mesa de negociación xeral do Concello, para para mañá, venres, 15 de febreiro, para tratar a resolución das alegacións á aprobación inicial da modificación da RPT. Un documento que fora aprobado en xunta de goberno local de 25 de xaneiro de 2018 e publicado no Boletín Oficial da Provincia do 2 de marzo de 2018.

A concelleira de Recursos Humanos, Flora Moure, detallou que se presentaron 84 escritos de alegacións por parte de colexios profesionais (concretamente o Colexio oficial de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais, o Colexio oficial de arquitectos, e o Colexio oficial de enxeñeiros de telecomunicacións); de centrais sindicais (Comisións Obreiras, CSIF, SPPME e SAP _non constan USO, UGT e CIG); grupos políticos (Partido Socialista, Democracia Ourensana e Ourense en común); asociacións e particulares, unhas a título particular e outras como xefes de servizo da área. Das 84 alegacións resolvéronse favorablemente, é dicir, estimáronse, 24, unhas total e outras parcialmente.

O documento lévase agora a mesa de negociación e logo se remitirá o expediente novamente a fiscalización, para posterior aprobación por parte da xunta de goberno local e publicación no Boletín oficial da provincia. Con isto péchase un expediente iniciado en 2016 para a adaptación da Lei de función pública de Galicia de 2015. “Isto supón un importante paso adiante na reorganización dos servizos, que permitirá que se celebren os concursos de traslados para unha gran cantidade de postos, que é unha importante demanda dos sindicatos”, asegurou Flora Moure. Tamén se introdúcense as fichas daqueles traballadores que se incorporaron con sentenzas xudiciais e que é obrigatorio que o seu posto estea na RPT.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar