‘O Panchorro’

Eu tiña a idea de que o deporte do surf era algo reservado para determinadas xeografías costeiras moi alleas á nosa terra, que en España estaba centrado na punta de Tarifa, tendo o seu paraíso en Malibú, en Los Ángeles dos E.U.A. como nos teñen vendido a cotío innumerables produccións cinematográficas.

E de repente descubrimos que a patria do surf pode ser alomenos por un día o Cantábrico en Ribadeo, onde unha onda xigante, “O Panchorro”, é o Rei.

Teño que recoñecer que nunca oíra o nome de “O Panchorro” hasta o remate de xaneiro, descubrindo que así se chaman as ondas –“que grandes son”- que chegan a Ribadeo en determinados momentos do ano, indo a chocar contra os baixíos da singular Illa Pancha.

Esta Illa, que xa é penínsua, porque unha ponte únea á terra firme, é un singular paraxe natural ribadense, meseta erguida sobre o mar, cun faro que foi construido a mediados do seculo XIX e a vivenda do fareiro que agora é un hotel singular.

Contra as rochas do fondo da illa, rompe unha onda en días de temporal, que pode ter ata dez metros de alta, que os ribadenses teñen bautizado desde tempo inmemorial como “O panchorro”.

Estes días que un temporal con nome propio percorreu media Europa, sóubose que “O Panchorro” volvería a Ribadeo, e alí organizaron a “Illa Pancha Challenge”, natural anglicismo porque se agardaba a surfeiros de todo o mundo, chegando vintecatro que se consideran os mellores nesta disciplina deportiva que ali viviron o seu gran día e acreditaron para eles e para o mundo que Ribadeo é o noso Malibú, e que as ondas que o Cantábrico fai erguer na lonxanía, nacen para que ao chegar preto da terra sexan domesticadas por estes novos neptunos que poden navegar no alto dunha taboa, controlando a forza do mar, disfrutando do poder sobre as ondas, demostrando destreza en velocidade, potencia e control, percorrendo medio mundo para –no caso de resultar gañadores- recibir cadanseu trofeo confeccionado con lixo colleitado do que os humanos botamos ao mar.

“O Panchorro” vai ser coñecido”urbi et orbe”, e con el, Ribadeo. O noso mar nunca deixará de ser fonte de vida e de riqueza, se sabemos respetalo e disfrutalo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar