Entroido:Campaña para garantir a seguridade dos disfraces

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o Laboratorio de Consumo de Galicia, situado na Coruña, onde está en marcha un ano máis a campaña específica de control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e complementos como barbas e perrucas, cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.

Tal e como explicou a directora xeral, nas últimas semanas o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) intensificou as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa presta especial atención aos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar unha primeira partida de vinte mostras.

Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos, tal e como explicou a directora do Laboratorio, Natalia Crespo, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Galicia é a Comunidade que máis produtos perigosos detecta cada ano grazas á intensa labor de investigación que desenvolve. No 2018, o IGCC foi a autoridade de Consumo que máis produtos perigosos notificou á Rede de Alerta, cun total de 98, aos que hai que sumar dúas alertas notificadas directamente polos produtores.

Así, o IGCC logra atopar 1 de cada 4 produtos inseguros detectados en España por actuacións de control de mercado. Para lograr estas cifras, analizáronse preto de 10.000 parámetros en 520 mostras de produto. Das alertas notificadas o ano pasado por Galicia, 21 correspóndense con disfraces e 18 con xoguetes. Ademais, 8 foron artigos de puericultura. Isto débese a que se presta especial atención aos artigos destinados aos consumidores máis vulnerables.

 

Recomendacións

Desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que ademais das actuacións da Inspección de Consumo e do Laboratorio tamén se ofrecen actividades nas que se dan a coñecer os principais riscos nos disfraces, complementos e artigos de entroido, lémbrase que os disfraces para menores de 14 anos teñen a consideración de xoguetes a efectos de consumo, e recomendan ler detidamente as instrucións de uso e advertencias de risco na etiquetaxe. Entre outros aspectos, débese comprobar que os artigos dispoñen do marcado CE e se teñen a recomendación de idade. Cómpre ter coidado coas pezas pequenas fáciles de tragar, e co tamaño dos cordóns, polo risco de asfixia, así como cos orificios de ventilación das máscaras e cos materiais inflamables ou cortantes. Ademais, con respecto á maquillaxe, é preciso revisar os ingredientes e a data de caducidade.

 

Defensa dos dereitos do consumidor

Tal e como explicou Sol Vázquez Abeal, o Laboratorio de Consumo de Galicia é unha das pezas fundamentais do traballo na defensa do consumidor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que ademais de no control do mercado, traballa na información e o asesoramento, así como na resolución dos conflitos.

O ano pasado, Consumo tramitou 18.167 reclamacións dos consumidores, un 3,8% máis que no 2017, e emitíronse 3.479 laudos arbitrais, un 27,9% máis que o ano anterior. Un 72% destes laudos recolleron total ou parcialmente as demandas dos consumidores. Ademais, na Escola Galega de Consumo realizáronse máis de 600 actividades, nas que participaron preto de 20.000 persoas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar