O alcalde de Lalín na TVG:Rafael Cuiña sobre a Feira do Cocido

 O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, foi entrevistado no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde explicou todos os detalles da LI Edición da Feira do Cocido de Lalín. Así mesmo, afirmou que volverá presentarse á alcaldía por Compromiso por Galicia nas vindeiras eleccións municipais, pero será por última vez.

Arredor da Feira do Cocido, salientou que se está a traballar para que sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional. Entre as novidades para este ano mencionou que o cocido de Lalín chegará a todas as prazas de abastos de Galicia en forma de tapas e que se aumentou o período de celebración, xa que “agora temos o mes do cocido”, que conta con actividades e concertos para facelo máis atractivo. No marco destas actividades enmárcase o premio de xornalístico gastronómico Álvaro Cunqueiro, que recoñeceu na súa XXV edición a un programa da TVG, ‘O mellor cocido do mundo’.

Cuíña tamén falou do seu futuro político e explicou que se volverá presentar a alcaldía de Lalín, pero que “será a última vez que me presentarei, queremos unha limitación de mandatos, polo que intentarei estar catro anos máis como alcalde e despois dedicarme a outras cuestións. O mandatario lalinense afirmou que “ninguén é imprescindible” e que non entende a alcaldes que queren estar vinte ou trinta anos na súa poltrona, “creo que iso vicia a súa xestión”.

O alcalde de Lalín, arredor da situación política española, manifestou a súa preocupación polo auxe da ultradereita e sinalou que “estamos vendo como partidos que tradicionalmente gobernan en Galicia están dispostos a chegar a pactos con eles”. Con relación aos orzamentos, afirmou que “non entendo como deputados elixidos en Galicia poden votar a favor de orzamentos que van en contra dos intereses dos galegos”.

Entrevista completa, AQUÍ

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar