Facer política, unha traizón

Pablo Casado chamoulle este mércores a Pedro Sánchez d­unha soa tacada “traidor, fe-lón, ilexítimo, mentireiro, ridículo, irresponsable, incapaz, desleal, catástrofe, ególatra, chauvinista do poder, refén, escarnio para España, incompetente, mediocre e ocupa”. Para aí, Barallobre!

Nin a linguaxe é nova, nin tampouco o é o escenario escollido pola dereita española pa- ra taparse coa grande bandeira e proclamarse grandes patrio-tas ofendidos.

A praza de Colon madrileña, onde chaman a manifestarse o domingo, xa foi o escenario das grandes marchas convocadas polo PP contra o Goberno de Rodríguez Zapatero.

Alí arengou Mariano Raxoi aos seus o 10 de marzo do ano 2007 rodeado, como figuras estelares, dos que hoxe forman o cumio dirixente de Vox. O lema escollido foi o de España p­ola liberdade. Non máis cesións a ETA.

Si, a dereita española viviu moitos anos a conta de ETA, tanto que aínda a seguen a usar e se negan a recoñecer que deixou de existir.

Pero, agora, o “perigo” de Euskadi foi substituído polo “procés catalán”.

A min seméllame estar lendo aquelas disputas da Inquisición discutindo se os pecados do rei xeraban as calamidades no pobo ou non e como os máis aguerridos defendían levar a fogueira aos que afirmaban que os males dos cidadáns viñan dados pola mala gobernanza.

Así, a dereita española recorre unha é outra vez a “España humillada” para apelar aos sentimentos da cidadanía e nubrar a razón e o raciocinio.

O seu patrioterismo é de salón, como a virtude e a moralidade daqueles inquisidores de quen son herdeiros.

España pode ser humillada pola “pérfida Alvión” ou por calquera político que pense que é unha loucura repetir o mesmo unha e outra vez agardando resultados diferentes.

Pouco importa se se recorre a un “mediador” a un “relator”, ou a un “enviado”. O proceso é o de menos. Está claro que, para eles, unha cousa é humillar a España e, outra, aos españois. Mentres alzan a súas voces cara o sol, tentan tapar os recortes sociais, o financiamento ilegal do partido, os múltiples casos de corrupción, os desfalcos, os desafiuzamentos e a acumulación de riquezas en poucas mans. Eles, que coñecen tan ben a intermediación pagada a un tanto por cento!

Todo para conseguir un goberno que, pensan, lles pertence. Esa é a principal diferencia con outras dereitas europeas.

Pero parte do PSOE está imbuído historicamente da mesma facundia españoleira de xeito inherente e consubstancial. Non hai máis que lembrar, por exemplo, o discurso de Indalecio Prieto nas cortes republicanas reunidas en México, remedo do dito agora por Alfonso Guerra, Felipe González ou o iletrado García Page.

Facer política é unha traizón. Que lles queda, volver chamar ao Exército para impedilo?.

 

Afonso Eiré é xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar