Respecto

Unha nai e unha filla foron ao despacho dun docente universitario e intentaron partirlle a cara. Ao parecer ningunha das dúas mulleres estaba conforme co nota dunha delas, coa nota que o profesor escribira, despois do correspondente exame, na ficha da estudante, no expediente de seu, no taboleiro de anuncios e na acta, que pronto pasaría a ser definitiva. Diante da algarada universitaria tivo que acudir ao centro a policía municipal de Vigo, pero –como é obvio– non resolveu nada. Non era cousa dos axentes, vestidos con roupa de uniforme e a arma regulamentaría no cinto de coiro negro.

O docente denuncia as agresións e a estudante, xunto con mamá, foise a presentar outra denuncia. Xa está. O lío xa está armado e, logo, o debate está principiado, a razón esquecida e a moral arrastrada polos corredores dun centro académico, convertido nun lugar de agresión á súa propia natureza. Os valores tamén se esquecen e os principios pérdese coa axuda das nais engrandecidas pola intolerancia, quizais revestida coa ignorancia, coa miseria intelectual que medra e se estende velozmente á sombra dun peiteado louro ou negro, con moño ou sen el.

Non é fácil de entender, pero “á estudante, á miña filla, vostede non pode suspendela. Ou, non o sabe?”. Traumatízase co fracaso, ocasiona un desgusto no entorno, moléstanse os país, os irmáns e as irmás, os avós, os tíos, curmáns e demais familia. Incluso, os amigos entran en proceso depresivo e pode pasar calquera cousa. A xustiza contemplará estas probabilidades e poderá sentenciar conforme ao ben social, se é necesario, sen ter en conta ao pé da letra o que ditan as normas xurídicas e, menos aínda, o sentido común.

Vostedes, prezados lectores, que pensan? Uns pensarán que é un sen sentido, algúns entenderán que se trata dunha bobada e outros observarán que algo falla, que é necesario recuperar a esperanza, baseada na confianza mutua, e que convén instaurar a sensatez en todos os eidos e en todas as prácticas dos docentes, dos discentes e, naturalmente, dos pais, familiares e amigos dos estudantes. A Tía Manuela insiste, para que esas mulleres tomen nota, o éxito da educación está no respecto aos estudantes e aos mestres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar