A Fiscalía

Escoitei pola Radio a palabra “Fiscalía” que, dita nun determinado sentido, era común en Vilalba hai máis de medio século, e que desde entón non volvín escoitar.

O propietario de Panadería Pallares de Sarria, negocio con cento cincuenta anos de existencia, comentaba que súa nai tivera problemas nos anos cincuenta coa Fiscalía por intentar axudar a familias en apuros, tiveran ou non a cartilla de racionamento, que hoxe é historia, pero eu aínda cheguei a ver,

E esa palabra fíxome recordar o temor popular –terror auténtico- que existía na Porta de Cima, en Vilalba, especialmente nos anos cincuenta, pola chamada “Fiscalía” que nada tiña que ver coa función que hoxe teñen os fiscais de representar a Lei e, na súa defensa, formular as acusacións pertinentes.

Daquela o nome de “Fiscalía” correspondíalle á Fiscalía de tasas que suponse que velaba porque no pequeño comercio se cumprise a lexislaciòn vixente, pero a nivel popular era un azoute irresistible que cando caía sobre un modesto comerciante podía facelo quedar polas portas; ou sexa, arruinado.

Cando pola miña rúa se corría a voz de que “os da Fiscalía” entraran no comercio do señor Manuel do Cendán, na froitería da Serafiha ou na leitería da Xulia da Bixoca, todos nos poñíamos a temblar, como se a cousa fose directamente con nós, xa non pola repercusión posterior sobre as nosas míseras economías, senón porque o mal que puidera virlle a algún dos nosos veciños comerciantes era como se se nos causase a calquera de nós.

Lembro un daqueles inspectores fiscais, todo vestido de negro, con semblante parello á color da súa vestimenta, que non facía falla que os nosos maiores nos ameazasen con el a efectos de bo comportamento, que xa nós contemplábamos aquela triste figura como un xinete máis da apocalipse, esta a escala local.

Non tiñamos na miña nenez vilalbesa conciencia algunha de vivir nunha dictadura. É máis, entendo que coidabamos vivir nun dos mellores mundos posibles. Pero, iso si, a Fiscalía de taxas aterrorizábamos moito máis ca o sacauntos que nos dicían que andaba pola Pena de Miguel. E polo que se ve, o terror era xeral, como pola radio me lembrou o panadeiro Pallares que, sen sabelo, abriume de par en par as portas da memoria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar