O socialista Gonzalo Caballero critica a situación da sanidade pública

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou durante unha visita a Moaña, que “Feijóo está só na súa defensa da privatización, os recortes e o deterioro da sanidade pública”, pois “o clamor” da cidadanía que rexeita estas políticas e que está enchendo as rúas en sucesivas manifestacións “está chegando ao PP”.

Así o dixo o líder dos socialistas galegos despois de que onte, en Moaña, unha moción en defensa da sanidade pública foi apoiada no pleno municipal polos concelleiros populares.

En concreto, o texto aprobado chama a “rexeitar a política sanitaria de recortes e desmantelamento da sanidade pública galega, levada a cabo polos gobernos do PP na Xunta de Galicia” e insta a Feijóo a “solventar de forma inmediata os problemas ocasionados pola súa política de recortes”.

“Feijóo empeza a ver que a marea de mobilizacións en defensa da sanidade pública chega aos cadros políticos do PP en toda Galicia”, evidenciou Gonzalo Caballero, consciente de que o malestar da cidadanía galega “xa é imparable”.

“A situación é tan grave que o PP xa está vendo como se descompón o seu apoio interno ás súas políticas”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG: “os cargos públicos estanse rebotando contra Feijóo e o seu conselleiro de Sanidade, porque ven que as súas políticas son un desastre e unha falacia”.

 

“MOITOS RECORTES”

 

No caso concreto de Moaña, Gonzalo Caballero indicou que a mobilización social freou o intento do PP de recortar a quenda de tarde en Atención Primaria, mentres o PAC acumula “problemas graves” e o mesmo ocorre nos servizos de pediatría ou fisioterapia.

Niso abundou Marta Freire, tenente de alcalde de Moaña, quen detallou que os pediatras, que deberan atender 800 cartillas, están atendendo a 1.500, o que os sitúa “moi por riba da ratio recomendada polo propio Sergas”; mentres o fisioterapeuta atende el só a 18.000 pacientes.

En paralelo, o servizo de pediatría non existe na quenda de tarde, o que “imposibilita a conciliación” e o PAC estase “desmantelando a pasos axigantados”. Nel traballan un só médico e unha enfermeira e non hai reforzos na fin de semana, de xeito que “queda desatendido”, como explicou Marta Freire, no caso de que os profesionais teñan que saír a unha urxencia ou a prestar atención domiciliaria. “Xa houbo un caso de falecemento nun PAC desatendido e non queremos iso para a nosa veciñanza”, concluíu.

 

1.300 PROFESIONAIS MENOS

 

Nesta visita, o secretario xeral do PSdeG fixo fincapé “no desmantelamento, privatización e precarización da sanidade pública” que Feijóo ten posto en marcha nos case  0 anos que leva á fronte do goberno galego.

De feito, hoxe mesmo, na campaña posta en marcha polo PSdeG nas redes sociais sobre o #10yearschallenge de Galicia, evidénciase que os recortes da Xunta en atención primaria case acada os 200 millóns de euros con respecto ao ano 2009 e que son 1.300 profesionais menos os que traballan nela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar