O Cuco dos Peares

Non sei se Núñez Feixó é o «piloto supremo» ou ten «resortes de brillante futuro» como afirmaba Xosé Ramón Onega nestas mesmas páxinas. Ou só é un político que ventea ben, un cuco. O que non creo é que sexa o símbolo «centrista» do actual PP. E menos aínda que se volvese galeguista (dos da boina) ou que lle dese un arrouto de amor a Galicia, esa palabra que o presidente tanto usa e tan pouco respecta. «Galicia somos nós, a xente e mais a fala….» que diría o amigo Manuel María.

Feixó, non só é primeiro político que chega ao poder usando os novas técnicas electorais da dereita extrema, que logo tanto éxito lle deron a outros, comezando por Donald Trump e rematando por Jair Bolsonaro, senón o primeiro en levar a práctica os principios aprobados pola factorías de ideas de José María Aznar, a FAES, que agora usan como luz e guía os trillos.

As argalladas, inventadas polo equipo de Núñez Feixó, marcaron aquela campaña electoral que o levou á presidencia da Xunta. Argalladas repenicadas por case todos os medios de comunicación segundo os toques da súa campá. E, cando non, usaron as voandeiras, con ataques persoais.

Quen non se lembra dos despachos de Touriño, dos coches mercados, das neveiras de Quintana, da foto do vicepre- sidente co «empresario», dos eólicos… Pero o que nunca faría nin un galeguista, nin un centrista, sería usar a lingua como materia de confrontación, atacando ao galego e socavando o seu prestixio social con mentiras mentireiras. Non por un mollo de votos, como din os nacionalistas, senón seguindo as recomendacións ideolóxicas da FAES.

E desde aquelas, xa como presidente, non volveu facer nada para entregarlle a dignidade perdida ao noso idioma. Se son desas persoas que acreditan só en datos, vaian aos orzamentos!

Núñez Feixó tamén foi o primeiro presidente en efectivizar os ditados políticos da nova dereita: desmantelamento do tecido público e favorecer os intereses privados, cada vez máis concentrados.

Se se necesitase un exemplo estaría a sanidade, xestión na que se fixo experto seguindo os pasos do seu mentor Romay. Feixó foi quen puxo en marcha as primeiras fundacións sanitarias e quen lle entregou a xestión pública dos centros a intereses privados, para dar logo o paso ás privatizacións e aos recortes… Ou os servizos sociais. E se falamos do ensino… Aí está a persistencia en favorecer ao privado-católico, mesmo apoiando a segregación por sexos, en detrimento do público.

Pero eu non vou ser como algúns nacionalistas que o criticaron por apoiar a demanda do BNG no parlamento: as mesmas competencias para Galiza coma para Euskadi e Cataluña.

Feixó non é o Cuco de Velle, senón o Cuco dos Peares.

Díxomo un día Baltar.

 

Afonso Eiré é xoernalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar