A artista compostelá Isabel Rey expón pinturas no Centro Empresarial do Tambre

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará o luns, a exposición “Polígono” da artista compostelá Isabel Rey. O acto será ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza da autora e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 1 de marzo.

A exposición, composta por dezanove obras, mostra a beleza e a poesía que se agochan tralas naves industriais do Polígono do Tambre. A través do acrílico sobre táboa, a artista intenta dar protagonismo á luz e á cor, captando eses instantes nos que os farois e os postes da luz cobran importancia, “pois os seus cables debuxan esas liñas de trazo firme que cortan o ceo e reforzan a perspectiva”, explica a artista.

Isabel Rey resalta os lugares que normalmente pasan desapercibidos, lugares nos que non nos fixamos desde un punto de vista estético, xa que son centro de traballo e non de relaxación. “A mostra axudará a percibir dunha maneira diferente estes espazos do polígono, que sen dúbida teñen un encanto especial” –engade–.

Isabel Rey (Santiago de Compostela, 1973) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e diplomada na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra na especialidade de pintura. Desde 1993 traballa na pintura, fotografía, gravado, restauración de obras de arte e tamén realización de retratos, ornamentación e pergamiños, pinturas murais e trampantollo.

Nestes vinte e cinco anos de traxectoria, a artista expuxo obra individual e colectiva no Palacio de Fonseca, Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Fundación Abanca, Museo Casino e no Espazo 48 de Santiago; no Museo do Gravado de Artes do Barbanza; na Galería Clérigos de Lugo; na Casa de Galicia de Madrid; na galería Sargadelos e no Palacio de Congresos e Exposicións de Pontevedra; nas Salas provinciais da Xunta de Galicia na Coruña e Lugo; ou no Museo Provincial de Lugo, entre outras.

Ademais, a artista tamén ten experiencia no sector audiovisual, traballando na realización e produción da longametraxe de animación stop-motion “O Apóstolo”, preseleccionada para os Oscar, nominada ao Premios Goya, e premiada en seis categorías nos Premios Mestre Mateo, así ata sumar vinte e dúas distincións internacionais. Tamén se adentrou no mundo da interpretación na curtametraxe de ficción de Mario Iglesias, “Madres”, onde fixo o papel protagonista.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar