TVG:A Fundación contra o narcotráfico lamenta a tardanza das condeas

 

A loita contra o narcotráfico e o rexeitamento da sociedade actual  foi o tema principal na entrevista de hoxe no Bos Días da Televisión de Galicia, realizada ao xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso.

Durante a conversa, Alonso sinalou o profundo rexeitamento da sociedade fronte a estas prácticas e afirmou que “estes criminais son unha inmensa minoría ao marxe dunha sociedade que os rexeita”. De feito, resaltou o papel da poboación e da presión social para tentar acabar co narcotráfico, xunto ao facer das autoridades policiais e xudiciais. Así, sinalou que na actualidade teñen que actuar na clandestinidade e “non como tempo atrás, cando contaban con apoio e permisividade”.

O xerente da Fundación criticou a tardanza do sistema para condenar e requisar os bens dos narcotraficantes, e baseouse no caso de Sito Miñanco para asegurar que “30 anos é demasiado tempo para condenar un capo recoñecido e empezar a requisar o seu patrimonio, hai que ser moito máis áxiles”. Con relación a isto destacou que “afogalos economicamente é importante e moi difícil”, e que  “a xustiza é garantista e impide que as incautacións sexan máis rápidas”, o que xera impotencia e insatisfacción social porque aínda que sexan xulgados seguen gozando das súas propiedades.

Para rematar, falou da multirreincidencia dos capos da droga e deixou claro que  “non pode ser que Sito MIñanco siga actuando e sexa detido durante un permiso penitenciario”. Arredor do intento de branqueo da imaxe dos narcotraficantes a través da escrita  das súas memorias, Alonso sinalou que se descualifican por si mesmos, “fan apoloxía do narcotráfico e xustifican unha carreira delituosa”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar