O libro do primeiro presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor apela a un galeguismo integrador

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou ao galeguismo integrador que mestura o propio e o común como modelo ante os falsos dilemas do presente. “Non hai que imitar malos modelos alleos cando os galegos temos un bo modelo propio”, aseverou.

Durante a presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, Feijóo recordou, deste xeito, que o autonomismo galego, que ten como principal expoñente ao primeiro presidente da Xunta, non sacrifica a diversidade de opinións dos galegos en aras dunha nacionalidade uniforme, senón que as integra e respecta.

“Galicia fixo entón unha aportación teórica e práctica que segue mantendo a súa vixencia nos nosos días. Rexeita un dilema enganoso e propugna un galeguismo integrador constitucional que mestura o propio e o común”, dixo, ao que engadiu que, con ese rexionalismo convenientemente modernizado, Galicia cambia a conxunción, “xa non é Galicia ou España, como pretenden as posicións extremas, senón España e Galicia”.

Nesta liña, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que pouco ten que ver o galeguismo integrador que herdamos de Xerardo Fernández Albor cos nacionalismos que se alían con independentistas insolidarios, ou con aqueles outros que se atreven a chamarlle apertheid ao bilingüismo harmónico.

“Brañas, Fernández Albor, a pléiade de galeguistas históricos e posteriormente Manuel Fraga son xigantes que erguen unha concepción rexionalista válida para artellar Galicia e canalizar a organización territorial do conxunto de España”, abundou.

Feijóo concluíu subliñando que este modelo propio seguímolo perfeccionando “mentres camiñamos a ombros dos nosos xigantes. Esixindo o que nos pertence, denunciando agravios cando se producen, aportando ideas á gobernación do Estado e tecendo lazos coas comunidades veciñas”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar