TVG:A conselleira de Educación afirma que “temos un modelo de coexistencia de linguas harmónico”

Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, foi entrevistada por vez primeira no ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, logo de 4 meses no seu cargo. Durante a entrevista fixo un retrato da educación en Galicia e falou dos novos protocolos que se implantarán nos vindeiros meses así como do modelo plurilingüe existente.

A conselleira destacou a boa saúde da educación en Galicia, “con centros de primeira e equipos de docentes comprometidos, con proxectos innovadores de referencia”. De feito, destacou que o ensino de idiomas e os plans de dixitalización e lectura están a funcionar con moi boa acollida. Con respecto das cuestións máis urxentes, mencionou as necesidades de novas infraestruturas e arranxos nalgúns centros, para o que se acaba de aprobar un plan de investimento.

Entre as próximas novidades, sinalou que nos vindeiros meses se porán en marcha tres novos protocolos destinados a alumnado con dislexia, altas capacidades e discapacidade auditiva que “facilitarán a intervención especifica en alumnos con discapacidade”. Así mesmo, explicou que se levará a cabo un novo plan de orientación e formación laboral dende primaria ata bacharelato. Pomar tamén afirmou que se fará fincapé en “xerar vocación científica e tecnolóxica, sobre todo nas nenas” xa que “fai falta máis vocación científica nas mulleres”.

En canto á oferta pública de emprego en educación, Pomar explicou que este ano se ofertan “2.064 prazas en 35 especialidades”, co que baixará a a taxa de interinidade ao 7% e que “haberá maior estabilidade nos concursos de traslado, con máis prazas fixas en menos tempo, o que mellorará a calidade do ensino”.

Ao preguntarlle pola situación da lingua galega no ensino sinalou que “temos un modelo de coexistencia das dúas linguas pacífico e harmónico, espello para outras comunidades”. Así mesmo, afirmou que hai un modelo plurilingüe que funciona, no que está naturalizado o ensino do galego. “Non precisamos leccións de ninguén” dixo, despois de ser preguntada pola opinión de Ciudadanos e VOX arredor da suposta imposición do galego no ensino.

Para rematar, Carmen Pomar afirmou que “a formación profesional é unha garantía de futuro en Galicia, cunha empregabilidade do 80%, e do 90% na formación dual”. Ademais, sinalou que as universidades adaptarán as súas titulacións ás necesidades da sociedade e do tecido produtivo, e avogou pola “investigación educativa, que é fundamental”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar