Gonzalo Caballero reta a Feijóo a aclarar as súas prioridades

Caballero, retou ao presidente da Xunta a aclarar se “a súa prioridade” son o “máis dun millón de galegos” aos que lles subirán directamente os seus ingresos coa aprobación dos PGE ou “Pablo Casado e os pactos do PP con Vox”.

Nunha comparecencia ante os medios, o líder dos socialistas galegos recordou como hai un ano o goberno de Mariano Rajoy enviaba unha carta aos pensionistas para notificar unha suba do 0,25%, que nin cubría o incremento do IPC. Agora, sinalou, o PP “esquécese” dos pensionistas ao non apoiar o decreto de revalorización das pensións conforme ao nivel da vida e que sube as máis baixas no entorno dun 3%.

“Feijóo ten que elixir entre as melloras para os pensionistas, os autónomos, os traballadores públicos, os dependentes…” ou “o PP de Casado e Vox”. “Está dacordo cuns orzamentos que son positivos para os galegos e as galegas, ou non?”, reclamou coñecer Gonzalo Caballero.

Na mesma liña de evidenciar “as incoherencias” do discurso de Feijóo, Gonzalo Caballero cuestionou que agora demande máis competencias “tras aplaudir o pacto do PP con Vox”, unha forza política que avoga pola supresión das autonomías. “Non pode estar na misa e repicando”, sinalou o secretario xeral, para reprobar que o presidente diga “cousas distintas” segundo estea en Santiago ou en Madrid.

 

“FRACASO” DA POLÍTICA SANITARIA

 

En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG fixo alusión á nova manifestación multitudinaria en defensa da sanidade pública que tivo lugar onte en Vigo, para advertir a Feijóo de que este será o ano no que a cidadanía poña fin ás súas políticas de deterioro dos servizos públicos.

“Tras case dez anos gobernando, cada día pon unha nova escusa para evitar asumir a súa responsabilidade no fracaso da política sanitaria que ata hai pouco negaba”, apuntou Gonzalo Caballero, quen demandou do presidente que “deixe as escusas” e modifique as súas políticas.

Ao fío disto, anunciou unha campaña que, coa base do ’10 Years Challenge’, sirva para poñer de manifesto o fracaso das políticas de Feijóo nos seus 10 anos de goberno en Galicia en materias como o emprego, a demografía ou a inversión nos servizos públicos,

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar