Gardar os papeis

Cando queremos leer un libro ou consultar un xornal, imos á Biblioteca que nos quede máis de preto. Do mesmo xeito, cando queremos saber algo do pasado, sobre todo para coñecer determinado feito, xa non digamos para unha investigación concienzuda, damos en buscar en lugares especializados, e o primeiro que se nos ocorre –ademais das bibliotecas e aos concellos-, é acudir aos arquivos, oficiais ou particulares, onde se entende que está todo o que nos pode interesar.

E sen embargo non nos damos conta de que os arquivos que nos interesan, os dos pequenos detalles, témolos nas nosas casas, nas casas dos amigos, nas dos estudiosos dos acontecementos de hai tempo, nas casas de xente maior… en moitos casos, nas casas de xentes que conservan papeis polo feito de que lles recordan outros tempos, pero que non os valoran como eses papeis merecen, e que se corre o perigo de que calquera día os tiren sen ter en conta o seu valor para calquera outra persoa.

Tiven ocasión de comprobar o valor dos papeis doutrora con motivo de poñer en marcha a web da Academia de Vilalba, e recibir valiosas aportacións de compañeiros vilalbeses que gardaban anacos da historia desa Institución.

Moi importante foi a aportación do historiador Pombo Mosquera, en base a papeis que atopou nunha edificación en ruínas. E o Instituto de Estudos Chairegos facilitoume fotografías e revistas; déronme datos, fotos ou papeis Loli Soto, Manuel Hermida, Ricardo Fraga; lembranzas, Alicia Baamonde; diversa documentación Paquí Gaioso ou Manolo Felpeto… todo, de gran interese para ir conformando unha visión colectiva da Academia.

E o que vale para a Academia vale para calquera outro tema, para valorar o que temos na casa, para non tirar absolutamente nada sen examinalo escrupulosamente e en caso de dúbida consultar coa xente que se interesa polas cousas do pasado.

Rosa Cal, investigadora amiga, ao saber que eu procuro gardar todo -papeis, revistas, libros-, dos últimos sesenta anos, animábame a conservar todo, porque todo ten interese. O mesmo vos recomendo eu en relación con todos os papeis do pasado; todos. Non tiredes nada. Compartídeo, cedédeo, pero gardade todo.

Todo iso forma parte da vosa vida, e da vida de todos nós.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar