O II Salón Motor Ocasión Galicia volve a Silleda do 16 ao 19 de marzo

O Salón Motor Ocasión Galicia volve a escoller a Feira Internacional de Galicia ABANCA para celebrar unha nova edición, a cal terá lugar do 16 ao 19 de marzo.

Esta segunda cita do certame ponse en marcha, segundo o seu director, Rudesindo Alonso, como resultado da “gran acollida que tivo o ano pasado tanto no que se refire á participación de expositores como ao número de visitantes”. Un éxito no que o organizador do certame tamén destaca o feito de que o dos vehículos de ocasión sexa “un sector en auxe”, o que garante ademais que esta nova edición sexa “un gran escaparate con propostas para todo tipo de clientes”.

O salón estará centrado na venda de vehículos de ocasión a través dunha exposición sobre a que Alonso subliña que “volverá a contar cunha amplísima oferta de turismos e potenciará respecto á pasada cita as caravanas, motocicletas e bicicletas”. Ocupará os dous pavillóns principais do recinto, situándose no número 1 os turismos e no 2 tanto turismos como o resto de vehículos.

Entre as empresas presentes haberá gran representación tanto de compra-venda como de concesionarios. Mostrarán vehículos de todos os prezos e de todas as marcas e modelos, con excelentes garantías e condicións, xa que a maioría de firmas presentan descontos exclusivos durante feira.

Como complemento á exposición o Motor Ocasión contará con distintas actividades que se están a xestionar por parte da empresa organizadora do certame, Sac Events.

 

Posibilidade de crecemento en exteriores

 

O II Salón Motor Ocasión Galicia súmase aos eventos deste ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA polos seus bos resultados na pasada edición, os cales o director da entidade feiral, Ricardo Durán, cualifica de “espectaculares” e nos que considera que influíron de forma importante as magníficas condicións coas que conta o recinto. Unhas características que para Durán incluso dan a un certame como este, con gran necesidade de espazo, a “posibilidade de crecemento en exteriores”.

Esta incorporación ao calendario 2019 contribúe a que a dirección da Fundación Semana Verde conte con boas perspectivas para igualar a cifra de eventos de 2018 no recinto, a cal supuxo un récord ao rexistrar 25 citas ao longo do ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar