Luar na Lubre presenta o seu novo traballo sobre a Ribeira Sacra, no Teatro Afundación de Vigo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, albergará o concerto de presentación do novo traballo de Luar na Lubre, Ribeira Sacra, que se publicará o vindeiro 30 de maio. O concerto terá lugar o sábado 26 de xaneiro, a partir das 20.30 h, no Teatro Afundación de Vigo. As entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.

A banda liderada por Bieito Romero gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.

Inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías para «lembrar e poñer en valor todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra», en palabras de Bieito Romero. «Esta gravación tocoume o corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra e, ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia en outubro de 2017, e o feito de estar nun territorio de tan alto valor natural fíxonos arrincar con moita tristeza». Ademais, o disco conta con ducias de colaboradores, desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral Ruada ou Nani García.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar