O xoves, concerto homenaxe a Castelao na Cidade da Cultura

A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer un concerto homenaxe a Castelao na Cidade da Cultura. A cita terá lugar este xoves, 17 de xaneiro, no Museo Centro Gaiás, ás 20:00 horas. A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, que deseñou un programa especial como actividade complementaria á exposición “Castelao maxistral”, unha escolma musical que permitirá aos asistentes facer un percorrido pola música da época do intelectual galeguista e polos diferentes lugares nos que viviu exiliado, dende Rusia, Cuba e os Estados Unidos ata Buenos Aires. As entradas xa están esgotadas.

 

Baixo o título Os camiños de Castelao, o concerto comezará coa suite de Moito ruído e poucas noces do austrohúngaro Erich Wolfgang Korngold (1897-1957). Compuxo esta música escénica para a comedia homónima de Shakespeare, cun éxito instantáneo que axiña se estendeu por todo o mundo.

 

De seguido os músicos tocarán varias pezas do violinista e compositor galego Manuel Quiroga (1892-1961), escritas orixinalmente para violín e piano e orquestradas especialmente para esta ocasión por Paul Daniel. Trátase de Alborada, Danza argentina, Emigrantes celtas e Himno. O violín solista será Grigori Nedobora, principal de segundos violíns da Real Filharmonía de Galicia, que foi membro da orquestra de cámara “Virtuosos de Moscú”, coa que actuou en máis dunha vintena de países de Europa, América, Asia e mesmo África.

 

O público poderá escoitar ademais a música do ballet A creación do mundo do compositor francés Darius Milhaud (1892-1974), unha obra con fonda influencia jazzística que plasma a maneira na que foi creado o mundo segundo unha lenda africana. Logo soará a Suite Pulcinella (revisión de 1949) de Ígor Stravinski (1882-1971), un ballet baseado nunha obra de teatro do século XVIII en torno á figura de Pulcinella ou Polichinela, personaxe burlesco da comedia da arte italiana.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar