A Xunta impulsa axudas para a contratación de 1.300 desempregados

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dúas convocatorias de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o emprego nos concellos galegos, dous programas nos que se investirán 9,2 millóns de euros, co que se prevé a contratación de 1300 persoas. As iniciativas, en concreto, están dirixidas á contratación de perceptores da Risga e de desempregados en xeral para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Nos dous casos, o prazo de solicitude rematará o próximo 11 de febreiro.

Os apoios dirixidos aos concellos galegos para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) inclúen un orzamento de 7,7 millóns de euros para empregar a 700 persoas en situación ou risco de exclusión social. Como novidade para 2019, a duración dos contratos amplíase de 7 a 9 meses. Estímase un importe medio da axuda por contrato de preto de 11.000 euros fronte aos 8900 euros concedidos na convocatoria de 2018. Para a resolución das axudas teranse en conta o número de persoas desempregadas e a evolución do paro rexistrado no período 2014-2018, así como a evolución da poboación neste mesmo período e o número de persoas perceptoras da Risga de cada concello a 31 de decembro de 2018.

O segundo dos programas está dirixido tamén aos concellos, neste caso, para a contratación de desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, uns apoios que as administracións locais destinan fundamentalmente á contratación de socorristas. Investiranse 1,5 millóns de euros para apoiar o traballo de 600 desempregados.

As dúas actuacións forman parte dun paquete de axudas da Xunta para impulsar en Galicia o emprego local. En total, a Xunta investirá en 2019 a través de catro programas máis de 22,3 millóns de euros para apoiar o mantemento ou a creación de 2150 postos de traballo no ámbito local.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar