O socialista Gonzalo Caballero sitúa ao PP como responsable do “deterioro da sanidade pública”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, situou a Feijóo como “o principal referente no conxunto de España do deterioro da sanidade pública” e recalcou que “representa o peor das políticas da dereita” cunha estratexia de recortes e privatizacións que están provocando “situacións de extrema gravidade” en atención primaria, nos PAC e nas urxencias.

“Feijóo ten un problema, pero o problema o sufrimos todos os galegos e todas as galegas”, incidiu Gonzalo Caballero na súa comparecencia ante os medios ao termo da xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, en alusión á “grave crise” que atravesa o sistema sanitario público de Galicia.

Neste contexto, o líder dos socialistas galegos urxiu que se esclareza o sucedido nas Urxencias do CHUS, onde os propios profesionais denunciaron ante a Fiscalía o falecemento de dúas persoas sen a atención requirida. Súmanse estes casos ao falecemento, o pasado mes de agosto, dun home no PAC da Estrada sen chegar a recibir asistencia médica.

Así as cousas, o máximo dirixente do PSdeG instou a Feijóo a “rectificar” a súa política sanitaria, o que inclúe frear os recortes e as privatizacións, incrementar os orzamentos destinados a este fin e relevar aos responsables políticos que “non son quen” de garantir un sistema de calidade.

PRIORIDADE SOCIAL

 

En paralelo, trala aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado no Consello de Ministros, o secretario xeral do PSdeG valorou unhas contas “cun claro contido social”, pois consignan máis da metade dos fondos a medidas coas que a marcha da economía “poida chegar ao conxunto das familias”.

Citou así a suba das pensións, nomeadamente as máis baixas, que afectará a máis de 760.000 galegos, o incremento salarial de 150.000 funcionarios en Galicia, os novos beneficios sociais que repercutirán en 200.000 autónomos e os máis de 100.000 traballadores galegos que percibirán o aumento do SMI.

“Estes orzamentos plasman un beneficio importante para os galegos e as galegas”, sinalou Gonzalo Caballero, á vista de que Galicia rexistra actualmente os salarios e pensións dos máis baixos de España. É por iso que fixo fincapé en que estas contas son “necesarias e positivas” para esta comunidade.

Precisamente por iso, chamou ao resto de forzas políticas a respaldalas no Congreso, de forma destacada aos deputados galegos do PP. “Se Feijóo quere comprometerse cos galegos, necesitamos esa suba das pensións, dos soldos públicos, do salario mínimo…”, concluíu o líder socialista.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

 

Na que é a primeira reunión da dirección do PSdeG no ano que acaba de comezar, outro dos asuntos abordados foi a deriva política que está levando o PP de Feijóo coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais.

“O PP en Galicia empeza a aparecer como o gran aliado de VOX”, reprobou Gonzalo Caballero, toda vez que os candidatos populares en cidades como Vigo ou Lugo xa teñen amosado publicamente a súa disposición a pactar con esta forza de extrema dereita “para conquerir o poder”.

“O PP está abandonando o centro político tamén en Galicia”, observou o secretario xeral do PSdeG, quen situou ao seu partido como unha forza “moderada” e “progresista”, en condicións de aglutinar á esquerda e ao centro esquerda, así como á cidadanía que rexeita “o retroceso de VOX en materia de recentralización, abandono da loita contra a violencia machista e xenofobia fronte á inmigración”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar