Candidatos do PP a alcaldes:Feijóo, satisfeito pola maioría absoluta nas cidades

Na presentación dos sete candidatos, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo para as cidades galegas gobernos que funcionan como o de Galicia, en lugar de fracasos como o de España: “Con estas cabezas de cartel, non hai ningunha dúbida de que o modelo que funcionou en Galicia tamén funcionará nas sete cidades e o fracaso do Goberno de España tamén fracasará”.

 

 

 

 

 

O líder dos populares subliñou que o PPdeG é garantía de ofrecer o que os cidadáns merecen: solucións, alcaldes coñecidos e recoñecibles, con experiencia e proxectos; políticos fiables e predicibles; e administracións que dan certezas: “o noso partido leva dez anos demostrando en Galicia que se poden facer as cousas ben, que se pode e se debe gobernar sen ocorrencias nin sobresaltos, e que as administracións deben mirar por todos os cidadáns”.

De non ter acadado o PPdeG a maioría absoluta en 2016,  Galicia tería un Goberno como o de España: un goberno que xera inestabilidade, incerteza e é irresponsable. Feijóo incidiu en que, mentres o executivo central comeza agora a presentación dos orzamentos, un anteproxecto do que non se fía ninguén en Europa e que está pensado en pagar as facturas a Podemos, a nacionalistas e a independentistas; en Galicia, as contas xa están en vigor, son fiables e só están centradas nos galegos. “Para os veciños e para as cidades é mellor ter gobernos parecidos aos de Galicia que ao de España”, indicou.

ESPAÑA E GALICIA, DESDE OS CONCELLOS

Tras destacar que o PPdeG é un apoio único en España, xa que Galicia é na única comunidade autónoma na que conta con maioría absoluta, Feijóo salientou que a grandeza da formación radica na súa presenza en cada un dos recunchos: “Non falamos dunha Galicia irreal que só está no obxectivo dunha ideoloxía, tratamos a Galicia que está na vida cotiá dos galegos. E non tocamos de oído, falamos de Galicia e de cada un dos concellos cos pés na terra”.

Fronte aos que queren inventar o que pasa en Galicia, co afán de acadar maior número de votos fóra, Feijóo fixo fincapé en que o PPdeG propón realidade, coñecemento e a experiencia do que pasa en cada concello; fronte aos que non teñen propostas para as cidades, o PPdeG ten programas específicos para cada unha delas; e fronte os que piden o voto para proxectos nacionalistas e independentistas en Galicia, o PPdeG presenta proxecto de cidade. “É un partido de goberno: con experiencia de goberno, con propostas para gobernar e con gobernos que gobernan”, indicou.

Apuntou que, de cara as próximas eleccións de maio, haberá partidos que queiran que os galegos escollan entre a súa cidade e Galicia ou entre Galicia e España. Fronte a isto, os populares propoñen “a nosa cidade, Galicia e España”. “Os galegos –engadiu- nunca quixemos escoller entre Galicia e España, e quen pretende que así o fagamos sempre se levou a mesma responta: non escollelos a eles, porque somos galegos e españois”. Neste senso, dixo que se fai España desde cada comunidade autónoma e “desde Galicia tamén facemos a España que somos e a España na que cremos”.

OS CANDIDATOS DAS SETE CIDADES

Salientou que a formación política ten “un proxecto, un equipo e un candidato para cada concello e para cada cidade”. Neste senso, amosou a súa confianza en Elena Muñoz, xa que Vigo merece ser xestionada con humildade e que poida aspirar a metas moito máis ambiciosas; avogou por Beatriz Mato para que A Coruña saia da parálise e da decepción política e avance de xeito imparable; e destacou a figura de Jesús Vázquez para que Ourense siga crecendo en proxectos e para que supere o maior dos seus obstáculos: a oposición.

Dixo que Lugo non pode permitirse catro anos máis da nada, polo que ten que poñerse en marcha con quen escoita e dialoga cos seus veciños, que é Ramón Carballo. Incidiu en que presentan a Agustín Hernández porque Santiago ten que ser o máis importante para o seu alcalde e non dedicarse a outras cousas que o distraen das prioridades e paralizan a cidade. Confía en Rafael Domínguez para que Pontevedra saia da inercia, recupere o impulso e se afaste de proxectos narcisistas e nacionalistas. E dixo que, con José Manuel Rey, Ferrol recuperará un goberno que goberna, con xestores que xestionan.

O líder dos populares galegos tamén tivo palabras para os grupos da oposición. Así, dixo que o PSdeG “vive nos mundos de Tezanos”, que cre que Pedro Sánchez é un estadista e que pensa que van arrasar en maio; recordou que o BNG irá as eleccións pedindo o voto para Bildu e para ERC; e que nas Mareas de Podemos se suceden os capítulos dunha comedia tráxica mentres paralizan as cidades onde gobernan. E é que tal e como dixo, dan leccións de transparencia, cando son opacos; de democracia, cando se acusan entre eles de fraude; e seguirán falando en nome da maioría dos galegos cando son minoría.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar