A Deputación de Ourense conmemora o 69 cabodano de Castelao

A Deputación de Ourense conmemorou o 69º cabodano do ilustre galeguista Castelao cun acto que, baixo o título “Castelao e Prada. Irmaus!”, reuniu a representantes institucionais, sociais e culturais na antiga biblioteca do Pazo Provincial, onde repousan temporalmente as cinsas do insigne ourensán, Rodolfo Prada Chamochín, e a súa dona, Manuela Fraga. Desta maneira, o goberno provincial rendeu homenaxe aos ilustres galeguistas Alfonso Rodríguez Castelao e Rodolfo Prada Chamochín, nunha celebración na que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC e membro numerario da Real Academia Galega, Ramón Villares, mantedor do acto.

Baltar destacou no seu discurso de clausura do acto o labor desenvolvido pola institución provincial ourensá a prol “de rescatar a sobranceira traxectoria de Rodolfo Prada Chamochín, emigrante do noso que desenvolveu un importantísimo e inxente labor, político e cultural en América, principalmente na capital arxentina, onde residiu ao longo de sete décadas que abranguen un período fundamental da nosa historia no século XX; desde as Irmandades da Fala ata a preautonomía.

Así mesmo, salientou que grazas á vontade política do goberno provincial e contando coa inestimable colaboración dos netos de Rodolfo Prada puxemos mans ao compromiso, sendo conscientes da dimensión dunha figura cimeira para o coñecemento do ideario e da acción do galeguismo en América que, por diversas razóns, permanecía inxustamente esquecida.

Desta maneira, expresou o presidente Baltar, levouse a cabo “a institucionalización, a nivel provincial, do 4 de novembro como Día de Rodolfo Prada; a creación e dotación dun premio destinado á xestión cultural en Galicia que leva o seu nome; a inauguración dun monumento alusivo á súa traxectoria, obra de Manuel Buciños, e a recepción no Pazo Provincial, cos honores dos que Rodolfo Prada é merecente, das súas cinsas e as da súa dona, Manuela Fraga, cumprindo así a derradeira vontade dun dos mellores entre os bos e xenerosos”.

Baltar subliñou que hoxe conmemoramos o 69 cabodano do pasamento de Castelao, acontecido no Centro Galego de Bos Aires, onde recibiu durante a súa enfermidade o incondicional agarimo de quen era amigo verdadeiro e fiel executor das súas ideas e proxectos (Rodolfo Prada), o “millor irmau” -se se me permite- tomando o concepto de irmandade que ambos os dous profesaban -máis aló de seren correlixionarios, e de que, logo, o home de confianza cumprise todas as indicacións testamenteiras de Virxinia Pereira, viúva do xenial Daniel; Rodolfo Prada tiña que estar. Está, e moi presente.

 

O rianxeiro Castelao amaba Ourense –destacou Manuel Baltar-. Boa proba do seu cariño e simpatía por nós está nas testemuñas de Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Manuel Martínez Risco, Eduardo Blanco-Amor e moitos ourensánsamigos seus. Mais no caso de Rodolfo Prada, a empatía e a confianza foron medrando desde 1931, cando se coñeceron en Pontevedra, na constitución do Partido Galeguista, incrementaron na década do exilio bonaerense de Castelao, de 1940 a 1950, e perduraron máis alá da súa hora final, o fatídico 7 de xaneiro de 1950.

Manuel Baltar afirmou que calquera que se achegue ás interesantísimas cartas de Castelao a Prada –as cales imos editar axiña desde a Deputación- poderase decatar do alto grao de consideración que lle tiña ao dos Peares o autor de Sempre en Galiza; nunha delas Castelao afirma: ”O Centro Orensano é a miña casa-refuxio, nela atopo calor de familia e un entusiasmo galeguista enorme, manifestado a través de dous milleiros de socios. Se non fose rianxeiro, e por tanto pontevedrés, gustaríame ter sido orensano, sobre todo polo carácter e pola simpatía, que os distingue do resto dos galegos.

O presidente do goberno provincial dixo queo nacionalismo de Losada Diéguez, Risco, Castelao, Otero e de toda a xeración Nós –que emigrantes como Prada e exiliados contribuíron a trasladar ás nosas colectividades en América, fundamentalmente en Bos Aires, Montevideo e A Habana pouco tiña de soberanismo e case nada de independentismo, agás manifestacións anecdóticas. Ese pensamento debe marcar o devir da Galicia futura. Non hai que temer os conceptos integradores, os principios que fan país. A identidade, os afectos patriosexpresados a través do sentimento de pertenza a unha terra con idioma ecultura propios, como é no noso caso a Ourensanía- deberían ser o piar fundamental sobre o que se asente calquera opción política que pretende conectar con esta realidade sociocultural diferenciada; un modelo propio que non renega de España e que aspira a máis autogoberno ao que chamamos Galicia ou Galiza, unha nación cultural forxada ao longo dos séculos, rica en matices, espallada por Iberoamérica, onde temos nos fillos e netos dos emigrantes ás mellores embaixadas-, con moitas posibilidades na España das nacionalidades e as rexións e na Europa dos pobos e os estados, que van seguir sendo realidades indisolublesporque non caben voltas atrás.

Manuel Baltar rematou afirmando que esa era a Galicia pola que loitaron, en case todas as frontes e en circunstancias moito máis críticas que as actuais, Castelao e Prada. Sabemos que non é aquela Galicia a que nos esixe respostas neste 2019 –e no 2020, cando celebremos o centenario da revista e da xeración Nós, que pasan, necesariamente, por Ourense, pero si o é a idea fundamental: Terra, Pobo, Lingua e Cultura.

 

A “Galicia verdadeira”

 

Luis González Tosar dixo na súa intervención que Rodolfo Prada “foi quen guiou polo camiño da Galicia verdadeira”, “un home de ourensanía e ourensanismo, no cerne do galeguismo, un patriota que responde aos sentimentos”, definición na que coincidiu Ramón Villares sinalando que Prada “foi o outro “eu” de Castelaoen Bos Aires, a figura fundamental na executoria política da etapa máis importante vivida por Castelao”, remarcando catro labores fundamentais de Rodolfo Prada: foi a persoa que acolleu a Castelao en Bos Aires; quen traballou con el na construción do galeguismo no exilio; o gardador da súa memoria e o coidador do seu legado”. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura salientou que esta celebración “mira ao pasado con respecto e admiración, un acto importante para o presente e o futuro do galeguismo, porque só un pobo con raíces fondas e cultura propia pode estar nun futuro globalizado pero mantendo a súa identidade”.

Notas biográficas de Rodolfo Prada

 

Rodolfo Prada nace o 28 de agosto de 1892 nos Peares, aínda que os seus pais procedían de Santa Marta de Velle, no concello de Ourense, e de San Miguel de Melias,  do concello de Coles. En 1902 a familia Prada Chamochín, logo dun incendio que asola o comercio que estableceron nos Peares, emigra a Mendoza (Arxentina). En 1910 regresa a Ourense, cursando estudos nos colexios de Maristas e na Academia Villar. A finais do ano 1911 regresa a Mendoza e comeza a traballar no Banco Anglo-Sudamericano, onde se desenvolve como empregado durante dez anos. En 1918 trasládase a Bos Aires, á sede principal da entidade bancaria, e será na capital arxentina onde comezará a súa actividade como galeguista: estará entre os primeiros emigrantes que defenden o agrarismo de Acción Gallega (grupo liderado por Basilio Álvarez).

Funda, xunto con outros iniciadores, a primeira entidade galega de emigrantes: Casa de Galicia, da que foi secretario. En 1919, con outros dous ourensáns, Julio Dávila e Luís López, impulsa a Asociación Protectora da Real Academia Galega, da que foi secretario, recadando importantes axudas económicas e apoiando iniciativas da RAG, o que lle valeu para ser nomeado membro correspondente da corporación, polo propio Manuel Murguía, primeiro presidente.

No anos 20, Rodolfo Prada desenvolve unha inxente actividade xornalística en Bos Aires: crea e dirixe a Revista “Acción Gallega” e funda o Ateneo de Cultura Galega. En 1924 comeza a colaborar co xornal Correo de Galicia, periódico do que chegará a ser redactor xefe e copropietario na década seguinte.

En 1931 viaxa a Galicia para participar na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra e coñece aos principais líderes galeguistas como Castelao, Alexandre Bóveda, Vicente Risco e Otero Pedrayo, entre outros. Regresa a Bos Aires en 1932 e é un dos principais activistas da ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), a cal presidirá entre 1936 e 1937. No ano 1935, Rodolfo Prada visita Montevideo e imparte unha conferencia “Encol da nosa Galiza”, que sustentará, a partir dese momento, toda a actividade galeguista en Uruguai.

Cando se produce a sublevación militar fascista do 18 de xullo de 1936, Rodolfo Prada, que nese momento ten unha incesante actividade na Federación de Sociedades Gallegas de Arxentina colaborando habitualmente no seu órgano, o Xornal Galicia, participa no Comité de Apoio ao Frente Popular, sendo o líder do Grupo Galeguista de Bos Aires durante toda a Guerra Civil.

En 1938 foi elixido secretario do Centro Gallego de Bos Aires, dentro da candidatura que preside José Neira Vidal, logrando así que a maior entidade emigrante do mundo, que contaba daquela con case 100.000 socios, non fose acaparada polos franquistas.

Desde 1932 ata 1950, Rodolfo Prada mantén unha continua a relevante correspondencia de índole política con Castelao, sendo el quen realiza as xestións para que o rianxeiro, que abandona España en 1937 nun periplo que o leva a Cuba e Nova Iork, poida establecerse como exiliado en Arxentina en 1940. Desde a chegada de Castelao a Bos Aires, Prada estreita a súa amizade coa principal figura do galeguismo e convértese na súa persoa de confianza. A partir dese momento, executará todas as accións ideadas por Castelao para que a capital arxentina sexa o centro de resistencia política e cultural no exterior durante tres décadas.

No ano 1941, Prada funda o Centro Orensano de Bos Aires e dirixe o periódico da entidade, El Orensano, e ao mesmo tempo, continúa a colaborar en A Nosa Terra e Opinión Gallega. Rodolfo Prada será na práctica o secretario político e executivo da Irmandade Galega, que é como Castelao decide que se chame o partido galeguista durante o exilio. Como tal, fará unha demorada viaxe por toda América, buscando apoios para a causa galeguista entre 1943 e 1944. Ao mesmo tempo, a partir do desencontro entre os galeguistas do interior e Castelao debido á creación do Consello de Galiza (goberno galego no exilio), Rodolfo Prada actuará como mediador viaxando clandestinamente a Galicia en 1947 para resolver as diferenzas con Ramón Piñeiro, Francisco Fernández e Gómez Román, entre outros.

En 1944, Castelao confíalle a Prada a publicación do que será considerado como a “Biblia do galeguismo”, o seu ensaio político Sempre en Galiza. Prada decide que o libro sexa editado polo Centro Ourensano e funda edicións “As Burgas”. O primeiro exemplar de Sempre en Galiza entrégaselle a Castelao nun acto celebrado no Centro Ourensano, o 2 de abril de 1944.

Rodolfo Prada será un dos principais impulsores de GALEUZCA (Galicia, Euskadi e Cataluña), organismo creado para coordinar as accións do Consello de Galicia, o goberno vasco, e a Generalitat de Cataluña durante as décadas dos 40 e 50. Como delegado do Consello de Galiza participa na homenaxe que o Consell nacional de Catalunya lle tributa a Lluis Companys, o 15 de outubro de 1944 en México.

Nos anos 50, a partir do falecemento de Castelao, Rodolfo Prada será o referente entre os membros da Irmandade Galega e do Consello de Galiza. Intervén así na edición As cruces de pedra na Galiza, de Castelao, xunto con Luís Seoane e Núñez Búa, exercendo como albacea de Castelao, quen morre sen deixar testamento, por vontade da súa viúva, Virxinia Pereira.

Prada tamén estará detrás das dúas viaxes de Ramón Otero Pedrayo a Bos Aires, en 1947 e 1959, participando activamente no proxecto da Historia de Galicia, dirixida por Otero Pedrayo e sufragado e editado pola editorial Nós, propiedade de Manuel Puente, na que Prada ten unha importante participación.

En 1953 pronuncia no Centro Gallego de Bos Aires unha interesante conferencia sobre Antolín Faraldo, e son frecuentes as intervencións nos aniversarios do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, no 25 de xullo, Día de Galicia, e nos aniversarios da morte de Castelao. Durante os anos 70, Prada será a figura máis importante do galeguismo bonaerense, actuando no Centro Ourensano e no Instituto Argentino de Cultura Gallega (Centro Gallego de Bos Aires).

Foi proposto por grupos galeguistas para presidir a preautonomía a finais dos anos 70, despois da transición democrática.

Prada falece en Bos Aires o 3 de novembro de 1980.

A partir da declaración de Rodolfo Prada como ourensán de honra polo xurado do Premio Ourensanía, a Deputación de Ourense e a súa familia, residente en Santiago de Chile, teñen levado a cabo varias actividades: xornadas de lembranza nos Peares, un monumento á súa memoria realizado polo escultor Manuel Buciños, diante da casa onde naceu nos Peares, e o pasado día 21 de novembro celebrouse un acto institucional de recepción dos restos mortais de Rodolfo Prada, para cumprir a súa derradeira vontade: “Quixera descansar na terra na que nacín cando Galicia recupere a democracia e a autonomía”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar