Últimos días para visitar a mostra «Da razón de Goya aos monstros de Dalí» en Pontevedra

 

Últimos días para visitar a exposición «Da razón de Goya aos monstros de Dalí» no Café Moderno Afundación de Pontevedra (praza de San Xosé, 3), un proxecto expositivo comisariado por Julio Niebla froito da colaboración entre Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Fundación Museo de Artes del Grabado de Ribeira. A mostra poderase visitar ata o vindeiro 19 de xaneiro, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

«Da razón de Goya aos monstros de Dalí» ofrece, a través de 80 gravados orixinais de Salvador Dalí e a selección de 19 gravados orixinais de Goya, a oportunidade de poder gozar da obra de dous xenios da pintura mundial e comprobar que os dous artistas están moito máis preto do que se podería pensar.

Neste proxecto expositivo, deseñado expresamente para Afundación, móstrase a revisión surrealista feita por Salvador Dalí sobre a serie «Los caprichos», realizada por Goya entre os anos 1796 e 1799. Dalí utiliza a técnica do heliogravado para reproducir os caprichos orixinais engadíndolles cor, ademais da súa característica iconografía e imaxinario surrealista. Así, nas reinterpretacións de Dalí aparecen reloxos brandos en alusión ao paso do tempo; as muletas e falos afastados, símbolos do medo á impotencia sexual; as caveiras, en referencia á fugacidade da vida; as chaves, simbolizando a mente; as pedras, en referencia á paisaxe da súa contorna natal; e o saltón, animal polo que sentía terror. Ademais, tamén se aprecian claras referencias a personaxes que marcaron a súa vida como o poeta Federico García-Lorca, os pintores Millet e Velázquez ou o físico Werner Heisenberg.

Segundo Julio Niebla, o comisario da mostra, «a importancia da relectura que realiza Dalí de «Los caprichos» goyescos radica na sátira que facía Goya no seu tempo sobre os vicios dos homes e os absurdos da conduta humana, con temas como a corrupción do poder, os privilexios das clases gobernantes, a luxuria ou as inxustizas da lei. A aparición destes gravados significou para Goya un punto de inflexión na súa traxectoria xa que o uso desta técnica permitiulle expresar os seus pensamentos e obsesións, liberando a imaxinación á vez que abordada os seus temas máis comprometidos. Dalí retoma o mundo de Goya e faio seu, o reinterpreta dun modo claramente surrealista, mediante a aplicación do método «paranoico crítico» reflectido no mundo dos soños e os fenómenos inconscientes tan estudados pola psicanálise freudiana».

Destacar que o único título que Dalí respectou integramente dos orixinais de Goya é «El sueño de la razón produce monstruos», considerado por moitos unha das primeiras obras surrealistas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar