Galiza e a neboeira, tópico, filosofía e poesía

Brétema, néboa, neboeira, borralleira, barrufa, malina, viruxe, mera, orballeira, parruma… e máis xeitos de dicilo, “a según” como sexa e onde ese vapor natural. Así se lle chama en Galiza, país das augas, ás nubes que baixan ao chan, mesmo a desfacerse en auga, que axudan a sacarlle relevo á topografía barroca, a devalar, a esfiancharse polos vales, as veigas, as rías para configurar nacións cun xeito de ver, de sentir a través do fume dese botafumeiro natural. O país das Brétemas velaí o título dun ensaio de Suso de Toro no que enceta unha viaxe interminable pola cultura celta. Non é unha novidade, Unamuno ou o amarantino Teixeira de Pacoaes e mesmo Vicente Risco teimaron no tema: saudosismo, luz peneirada entre brétemas, romántica, fronte á claridade mediterránea e así contoullo aos “Artistiñas” nas súas disquisicións sobre unha Arte Atlántica en que somos un país de néboas que non envolve en sombras e fantasmas, que leva aos creadores a velar as obras pra multiplicar o nimbo do misterio, como nas pinturas de Tino Grandío, Victoria de la Fuente, González Pascual… entre tantos. Algo máis que un tópico que din arrola a saudade destes confíns célticos. A néboa borda, ponlle puntilla ao carácter dos habitantes dos países das néboas.

A néboa, a brétema, como pra espantala ou esconxurala, convida a cantar e contar o que se desfigura, o que parecen esvaerse, esfumarse deica desaparecer, as siluetas, a memoria… pra desdebuxarse e diluírse como arrastradas polo fío asubío ou o ronroneo do roncón da gaita, da zanfona, do renxer dos carros, da voz nasal, estilo céltico, Dylan… Pero hai máis nese devalar de sombras pra quen queira enxergalo: o músico bretón Alan Stivell ou Emilio Cao, entendérono, como o entende toca e conta Carlos Núñez, entre outros, claro; aquí manda sobre a paisanaxe a paisaxe… nesa dialéctica entre luz e noite e sombras da néboa por medio. Todo se se esborralla, se desfigura, como se as cousas se viran dende altares ou dende a miopía da vellez. O idioma galego semella feito de brétema, de rumores de nube e mar.

Ben o saben os mariñeiros, sabios do que falamos, desa brétema espesa, pechada, a que din se pode cortar cun coitelo. Eles si que puideran escribir un tratado do tema… e xa o fan cun amplo repertorio de refráns ao respecto, entre o desartellado berro das gaivotas, preñado de sal. Brétemas ben temidas, espaventadas pola luz e o son dos faros, dos aturuxos, do son das cornas e das buguinas, como tentando abrir camiños e deixar ronsel, asuntos agradecidos ao Santo Telmo de Frómista que ten sepultura en Tui, e xa non digamos á Virxe do Carme.

Valados etéreos da brétema, néboa, nai do chuviñar, do orballar, da xeada, a que rega o verdor dos castros, dos bosques de Merlín ou dos labirintos de buxo dos pazos. Pentagrama cincento, gris, característico das nacións célticas, as que a carón do Atlántico despiden ao solpor, escenarios pra druídas, bardos, contadores, cantadores, santos, magos e meigas, sabios, toliños, navegantes, cabaleiros buscadores de paraísos perdidos, sabedores da Atlántida, das illas das Hespérides perdidas no Mare Tenebrosum, de illas arraianas co Trasmundo, por onde dis que desaparece naves e memoria… Costa da Morte… e do sol tamén. Pra entendelo e sabelo hai que vivilo. Países barrocos, propicios ás teorías das luces, nos que por algo se canta e se adora en aras, en tempos de equinoccios e solsticios, ao sol, a alborada que supón sombras

Néboa, cobertor que semella envolver o pensamento no labirinto do sempre inédito, como manto de tule, complemento da lúa noiva, da cerva, aliada da grea de bestas bravas que van beber á braña… Neboeira galega, láctea, que ten os mellores observatorios na punta Herbeira da Capelada, nos montes da Corda, entre Mondoñedo e a Bretoña do celta cristián Maeloc; ou a néboa ollada dende o Facho de Donón, no Morrazo, a carón das Cíes, santuario galaico romano de Deo Vero Breo… Esoutra néboa, a xugar entre os bolos xigantes de pedra da Pena Corneira, mesmo a que cobre o curuto do Tegra sobre Ostium Minium… a que, de cando en vez, envolve o alto da Pedra da Ra en Ribeira… ou ese asiduo nimbo que acompaña a Moa do Pindo ou o Monte do San Guillerme sobre Santa María da Area, en Fisterra… Néboa, nimbo de misterio nos seus olimpos, esencial aos castros.

Por algo, no século V a.C. é tema da comedia As nubes de Aristófanes, como únicas deusas, cambiantes, paroleiras, abstractas, etéreas e conselleiras: nubes, “a según” as circunstancias e de onde sopre o vento… daí o dito estar nas nubes. Nubes literarias representadas por mulleres espidas, deusas para un Sócrates máis parado nos asuntos do Ceo que nos da Terra, o que coa súa escola de sofistas sae ridiculizado pra negar a existencia de Zeus.

Néboas que apuzan e fan niño no Ourense das Burgas, que se esfelechan seguindo o leito dun Miño encorado, que se couta entre as murallas romanas de Lugo, brétema que envolve a Torre de Hércules, que xoga ao barroco entre os volumes do Obradoiro Compostelán, entre as fragas e os soutos de Lalín, dende o Pico Sagro como cubrindo de paz o mundo…

Ante estas asiduas paisaxes non faltaron en Galiza finas sensibilidades que saben catar as mensaxes das néboas, mesmo escribir como entre néboas de luces e sombras barrocas, por exemplo don Ramón Otero Pedrayo, quen dende a súa casa de Trasalba, sobre as bocarribeiras do Miño e do Barbantiño, enxergaba os camiños das néboas sobre as que se ergue o Monte sacro do San Trocado, máis ao fondo o Coto de Novelle, baixo o que se asenta Ribadavia e sinala o encontro do Avia co Miño…. mentres pola banda do Carballiño, sobresae o Monte da Madanela e sobre Cea e Oseira do mosteiro a silueta da Serra da Martiñá… Don Ramón, xeógrafo e intérprete da paisaxe galega, entendía “a néboa como respiración e forma do Atlántico”, “liberación da forma”, mesmo como espírito dela, xogo das múltiples aparencias, “a según” que diría Risco, como test de Rorschach pra medir a sensibilidade de cada quen, lene suco de fume arado ou vieiro, terrestre vía láctea pra estrelas íntimas de lembranzas, fío condutor pro diálogo das gárgolasa preferida dos misterios, das estantiguas, das compañas, das pantasmas, das mouras e dos trasnos, de celebrados magos e meigas… que dan consellos.

Xosé María Castroviejo, sabio en temas célticos ou Filgueira Valverde, insisten no dito por Otero Pedrayo e din que a néboa está enredada na cernado vivir galego… “como a saudade é néboa da néboa” unha eterna esperanza nun clarexar entre as negras sombras que nos asombran. Haber hainas. Mesmo di Filgueira que os Catro Elementos vitais puideran ser cinco, Auga, Terra, Lume, Aire… e Neboa, como un compendio no que interveñen os catro clásicos.

A brétema é a “marítima”, aínda que os xermanófilos din que ven de brethms (vapor en alemán) da que deriva Brandán, o nome do santo navegante que se perde entre a brétema e o mar sobre unha balea, como sobre unha illa… Mentres que o nome de neboeira, ven de “nébula”, de nimbo e de nube… e poida que o nome de Neptuno teña orixe mesmo en nébula, iso cree Filgueira…. Poesía que non falten entre tantos enigmas da Galiza máxica, por descoñecida, incomparable tesouro sobre o que recrear.

Abride as xanelas, deixádeme ollar o mar… foi o derradeiro que disque dixo Rosalía en Padrón, como aquel clásico navigare necese est, vivere non est necesse desafiando brétema moito máis. E se non se entende, tómese como elixir pra abrir os sentidos uns grolos de tostado… e de non habelo pode valer con augardente vella, pero de confianza.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar