A Xunta apoia proxectos no medio rural vencellados a automoción, o téxtil ou o aeronáutico

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará a comezos do ano 2019 unha nova edición do programa Galicia Rural Emprende, que achegará axudas por valor de 4 millóns de euros ao redor de 70 proxectos de autónomos e emprendedores que mobilizarán investimentos que acadarán os 8 millóns e que posibilitarán a creación de 200 empregos.

Ao abeiro das dúas anteriores convocatorias (2017 e 2018), este programa impulsou 118 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 7 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de 285 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas. Estas actuacións están a mobilizar preto de 13M€.

Entre as actividades industriais prioritarias que o Galicia Rural Emprende pretende impulsar figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC, audiovisual, pedra natural e industrias creativas, entre outras. O importe das axudas mínimas concedidas por beneficiario é de 20.000 euros e o das máximas é de 70.000. Os investidores que se acollan a esta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses e recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación de dito plan.

Con esta nova convocatoria, a Xunta reforza esta liña de apoio ao emprendemento,  desenvolvida polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) co obxectivo de seguir estimulando o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante o apoio á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.

Co mesmo obxectivo, pero sen focalizar a acción no ámbito rural, a Xunta vén desenvolvendo, tamén a través do Igape, o programa Galicia Emprende, que desde o ano 2010 facilitou a aprobación de 432 proxectos emprendedores. Nos dous últimos anos, e á espera da resolución da segunda convocatoria do ano 2018 do Galicia Emprende, a Xunta concedeu axudas a 269 proxectos, a través dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, cunha mobilización de preto de 30M€.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar