Mini cun sombreiro de palla

 

Magoa non ter visto en vivo e en directo ao deputado Mini, no Parlamento galego, cantando con voz patriarcal o que tantas veces cantou no escenario: “Con un sombreiro de palla,/ un galego a Belén foi;/ mentras adoraba o neno,/ comeulle o sombreiro o boi”.

Íase debatir no Parlamento a posición de Galicia diante da próxima reforma da Política Agraria Común, despois da farragosa sesión na que se aprobaron os presupostos da Comunidade, e cando Mini subíu á tribuna agárdabase unha exposición contundente que deixara moi clara a postura do B.N.G. sobre este tema tan importante para Galicia, pero o deputado Mini, en lugar de incendiar o hemiciclo arrancou a cantar, co que provocou que boa parte dos deputados o ovacionasen de xeito entusiasta.

Podía ter sido unha anécdota curiosa que rachou por uns momentos a monotonía parlamentaria, pero resultou algo máis como acreditou o Presidente da Cámara, Miguel Santalices, cando o canto concluíu: “Nós gañamos un bo deputado, pero perdemos un gran cantante”.

Velaquí a cuestión: Efectivamente, a Cámara gañou un gran deputado; o B.N.G. apuntouse un tanto colocando a Mini na Cámara, pero Mini coma un paxaro nunha xaula, aínda que sexa de ouro, deixou de cantar, porque o traballo como representante do pobo, as xestións complementarias, a participación política, impediulle desde que accedeu ao Parlamento seguir cantando como levaba feito desde os anos sesenta nos que a súa voz fíxoo un mito, tanto en Fuxan os Ventos, como no grupo A Quenlla, ou formando parte da parella musical de feito “Mini e Mero”.

Non son quen para xulgar, por non ser especialista na materia, e sobre todo por ser amigo, se Galicia gañou con Mini como deputado, ou perdeu ao deixar Mini de cantar. Só deixo constancia das palabras do Presidente do Parlamento, pero non poido deixar de pensar que deputados espabilados, útiles, eficaces, pode haber moitos, pero cantantes como Mini, fervorosos, entregados, patriotas, con voz de trono e música na alma, son fabas contadas. E se un coma Mini se perde para a canción, hai que laméntalo aínda que algunha vez dea un cante no Parlamento para demostrar que a música, a que amansa as feras, tamén pode unir aos deputados na admiración pola arte.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar