A pobreza en Galicia

A pobreza en calquera lugr é unhá ameaza liberdade e á seguridade humana. En Galicia, 612.000 persoas atópanse en situación de pobreza ou en risco de caer nela. Na Fundación Amigos de Galicia realizamos o ano pasado 41.984 atencións a persoas residentes en Galicia dentro do Plan Integral de Loita contra Pobreza, e 15.590 foron dirixidas a menores.

Nos últimos anos estamos presenciando como a liña de atencións a persoas en situación de pobreza vai en descenso, feito constatado e que tamén está acontecendo en outras entidades como Cáritas. Non podemos ser optimistas sen embargo, xa que algo máis dun de cada catro nenos galegos conviven en fogares en risco de exclusión social. Outro colectivo ao que debemos prestar especial atención son as persoas maiores de 65 anos, se temos en conta que, segundo datos da Xunta, 72.600 xubilados están en risco de pobreza (11%). Tamén son preocupantes os datos que nos revelan a taxa AROPE nos fogares monoparentais (un 83% encabezados por unha muller). Un 47,9% no 2016 fronte a un 53,3% no 2017.

Atendendo á liña de descenso, en 2016 e 2017, 30.507 homes saíron da pobreza en Galicia, sen embargo 20.913 mulleres entraron nela. De feito, a brecha de xénero acentúase en pobreza e exclusión social. Estamos presenciando a tendencia á feminización da pobreza, con taxas de 3,6 puntos máis elevados para as mulleres que para os homes.

Outra realidade á que non podemos dar as costas é a pobreza crónica, que en Galicia afecta ao redor de 100.000 persoas. Todas estas persoas atenden a un perfil común: sen traballo e con problemas de saúde e/ou enfermidades profesionais e adicións (alcol, drogas, etc). A desgraza da súa realidade é que a maioría deles son moi difíciles de reinsertar social e laboralmente, por non dicir imposible.

A miña experiencia ao longo dos 31 anos ao fronte da entidade, ensinoume que as persoas que reciben axudas coordinadas polos Servizos Sociais dos Concellos son similares entre elas, exceptuando as grandes cidades e as zonas onde hai grandes núcleos de poboación inmigrante. Este ano concretamente, detectamos un incremento de persoas migrantes, e sobre todo persoas procedentes de Venezuela.

A maior parte destas persoas que atendemos loitan por saír da situación na que se atopan e moitos, co apoio que se lles presta así o conseguen.

Un ano máis, dende Fundación Amigos de Galicia, así como dende outras entidades sociais, traballamos para que neste Nadal todas as familias que atendemos poidan celebrala con dignidade; e por iso, queremos agradecer ás empresas que nos axudan a facelo posible. Non podemos esquecernos tampouco das persoas e establecementos que colaboraron un ano máis na campaña de alimentos típicos de Nadal e de xoguetes novos. A vosa colaboración nos axuda a que estes nenos e nenas non perdan a ilusión nestas datas tan sinaladas.

E poñendo o foco de cara ó futuro, para 2019 Fundación Amigos de Galicia firmará convenio de colaboración con 19 concellos novos para seguir traballando na nosa liña de loita contra a pobreza e a exclusión social. Temos un compromiso coa sociedade e unha posición proactiva nos procesos de apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade social; e somos conscientes que cando nos unimos podemos realizar grandes cousas.

 

(*) O autor é director xeral da Fundación Amigos de Galicia

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar